O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, vén de emitir un bando no que se conteñen as recomendacións do Goberno destinadas ao manexo domiciliario dos residuos en fogares con persoas contaxiadas polo COVID-19 ou en corentena. Entre elas hai que destacar que os residuos do doente eliminaranse, sen separar para reciclaxe, nunha bolsa de plástico colocada nun cubo de lixo, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, situado no seu cuarto. Esa bolsa debe pecharse e introducirse nunha segunda bolsa xunto coas luvas e a máscara empregadas polo coidador, que tamén se pechará axeitadamente antes de saír da habitación. Por último, esta introducirase na bolsa dos residuos domésticos, e a continuación lavaranse as mans con xabón e auga durante ao menos 40 segundos. Este lixo depositarase no contedor de residuos orgánicos, e queda terminantemente prohibido facelo nos colectores de recollida selectiva (envases, papel, vidro, etc.) ou o seu abandono na vía pública.
Nos fogares onde non haxa ningún membro en corentena nin ningún enfermo, procederase co lixo seguindo as habituais normas de separación para facilitar a reciclaxe dos residuos. As luvas de látex ou nitrilo non deben depositarse no colector amarelo, senón no destinado aos restos (orgánicos).
Tamén se solicita a colaboración cidadá para que o servizo de recollida de lixo poida traballar dunha forma axeitada durante o estado de alarma, e lémbrase a obriga decumprir as normas de civismo e hixiene, evitando tirar cabichas á vía pública, recollendo os excrementos das mascotas e empregando papeleiras e contedores.