Como consecuencia do estado de alarma declarado no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, e o anuncio por parte do presidente do Goberno de que se solicitará ao Congreso dos Deputados a súa prórroga, o alcalde de Ferrol, a proposta da Secretaría Xeral do Concello, vén de ditar unha resolución pola que se suprime o pleno municipal programado para o xoves 26 de marzo. Segundo o informe da Secretaría Xeral, tanto o estado de alarma coma a paralización dos prazos administrativos implican a suspensión de todos os procedementos que requiran unha exposición pública por un período determinado, como, entre outros, ordenanzas, regulamentos ou modificacións orzamentarias de competencia plenaria, polo que a “consecuencia lóxica” é adoptar esta medida.
Do mesmo xeito, quedan oficialmente suspendidas as reunións da Xunta de Goberno Local. As competencias deste órgano serán asumidas pola Alcaldía- Presidencia en tanto continúe en vigor o estado de alarma.
Facturas que deban contar coa aprobación do pleno
En canto ás facturas cuxa autorización vía recoñecemento extraxudicial de crédito sexa de competencia plenaria, no caso de que non poidan demorarse ata que finalice o estado de alarma, serán aprobadas pola Alcaldía-Presidencia, “en base ás competencias que a Lei lle confire en materias de urxencia e emerxencia”, para que con posterioridade sexan ratificadas polo pleno municipal. O control e a fiscalización dos órganos de goberno para este período serán exercidos no pleno ou plenos que se poidan celebrar no próximo mes de abril.
O alcalde, Ángel Mato, informou persoalmente aos portavoces de todos os grupos municipais destes extremos. Todos eles mostraron o seu acordo con estas medidas de carácter absolutamente excepcional.