O cruceiro eumés das Angustias

José Fonte Sardiña
Na encrucillada da praciña das Angustias, en pleno Camiño Inglés a Compostela ao seu paso pola vila de Pontedeume, está chantado desde 1950, consonte as rigorosas
pescudas realizadas por Burgoa Fernández (“Cruceiros e cruces de Pontedeume.
Apuntamentos históricos, artísticos e etnográficos”, Cátedra, V, Pontedeume, 1998, p.
48) e De Castro Álvarez (Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume, Pontedeume, 2007,
p. 200), o cruceiro das Angustias.

Tamén o lembra así Ramiro Fonte, que naceu en 1957 ao seu carón, cando di que “en todo o casco vello só existen dúas cruces de pedra. Non hai moito que os canteiros cicelaron a das Angustias para darlle compaña e boa sombra á nosa fonte elemental, a máis discretiña de todas. Interpretáronse danzas rexionais, e o gobernador e o deputado provincial desprazáronse desde A Coruña o día da súa inauguración” (Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 230 e 231).

O lado anverso ou cara principal do cruceiro das Angustias de Pontedeume dispón sobre a cruz a imaxe de Cristo morto orientada cara á igrexa parroquial e moi ben labrada pola man do canteiro Daniel Fernández Pazos. Xesús ten o seu rostro barbado lixeiramente inclinado á dereita, como se xa lle tivese entregado o espírito ao Pai. Como afirma Castelao, “nunca endexamáis se vé coa cabeza deitada cara o lado esquerdo” (Castelao: As cruces de pedra na Galiza, primeira edición 1950, citado pola de Vigo, 1984, p. 152). Os cabelos do Salvador, que case lle chegan aos ombreiros, aparecen retirados da cara e suxeitos pola coroa de espiño, que simboliza a imaxe dun rei sacrificado porque o seu Reino non é deste mundo. Os seus brazos, espetados na cruz por medio dos cravos, preséntanse estendidos e deixan ver a súa musculatura, e os dedos das mans, lixeiramente apertados, case en forma de puño. O corpo de Cristo só está cuberto por un pequeno pano de pureza anoado á dereita e a súa delgadeza fai
asomar, incipientes, os ósos das costelas, aínda que non se percibe se ten xa a ferida da lanza coa que Lonxinos traspasara o seu costado dereito. As pernas únense á altura dos xeonllos e só se cruzan nos pés, suxeitos á cruz por un único cravo. Afirma Castelao que “nos cruceiros galegos e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito renacentista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” (Idem, p. 151).

Ao pé da cruz, tamén no anverso, disponse, á esquerda do Cristo, a figura de Xoán, que foi o único apóstolo de Xesús, segundo relatan as Sagradas Escrituras, que acompañou á Virxe María no momento máis doloroso da súa vida; o seu rostro imberbe, propio da súa xuventude, reflicte tamén a dor que sentiu ao ver morrer o seu Mestre na cruz; viste unha longa capa con pregos, que lle chega aos pés, suxeita coa man esquerda, e que deixa ver o seu brazo zurdo. Á dereita de Xesús está Pedro, co rostro barbado e media melena, que, malia telo negado tres veces antes de que o galo cantase, como o propio Mestre lle anunciara, foi nomeado por Cristo como cabeza da súa Igrexa; porta na man esquerda a chave, que representa o poder de decisión da Igrexa na Terra e mais no Ceo, e na dereita, o Libro dos Apóstolos, símbolo da súa evanxelización. A habelencia co cicel do mestre de Tomeza Daniel Fernández Pazos é moi evidente na labra destas dúas figuras, aínda que as mans presentan unha lixeira desproporción.

A imaxe da Virxe das Angustias, co seu Fillo no regazo, ocupa a parte superior do
reverso da cruz. A figura da Piedade ten un tamaño algo maior có seu Fillo, como
acontece na meirande parte das desta tipoloxía que se poden atopar en Galicia, segundo Castelao porque “os nosos canteiros, deixándose levar pol-o sentimento, non podían maxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos somos sempre pequenos no colo das nosas nais” (Idem, p. 164). Neste cruceiro de Pontedeume, a Virxe sostén o corpo de Xesús, envolto nun sudario, co seu brazo dereito e inclina, chea de dor, a cabeza cara a ese lado para contemplar o rostro exánime do Fillo, que mantén inertes a súa cabeza e o brazo dereito ―demasiado grande en proporción co resto da figura―, e os ollos pechados mentres que María o acariña coa man. Co esquerdo, a Nai agarra as pernas encollidas de Cristo, como cando o acochou no seu colo no humilde portal de Belén onde nacera; así aparece a Virxe no primeiro intre da vida de Cristo e mais na hora da súa morte.

Sedente e en maxestade, triunfante sobre a morte, como no parteluz do Pórtico da
Gloria, aparece tamén Santiago no cruceiro de Pontedeume. A súa figura, sentado no
trono celeste, semella facer de atlante da Virxe das Angustias e o seu Fillo. O corpo do
patrón de Pontedeume está labrado con pouco detalle e porta sobre os ombreiros unha
capa ou esclavina. Na man dereita, na que apenas se distinguen os dedos, sostén o
filacterio enrolado, que leva escrita a mensaxe evanxélica que ten que transmitir, e apoia a súa esquerda, tamén pouco traballada polo cicel do mestre de Tomeza e desgastada polas inclemencias do tempo, no bordón en forma de tau que simboliza a cruz salvadora e descansa sobre a cabeza dun anxo que lle fai de telamón. Así e todo, o canteiro puxo maior esmero ao esculpir o rostro de Santiago, que mostra unha media melena que non lle chega aos ombreiros, unha barba moi ben coidada e recortada ―como en todas as representacións que del coñecemos―, o nariz lixeiramente afiado, os beizos carnosos e a mirada serena e apracible, porque goza xa da gloria eterna por mor do seu martirio pola espada. Non aparece coroado de Gloria nin nimbado, como en moitas das imaxes en maxestade das que sabemos. O capitel está decorado por tres follas de acanto a cada lado da cabeza dun anxo, que semellan tamén as súas ás.

Pola súa parte, o fuste, no anverso, ten gravado en relevo o escudo de Pontedeume, sen coroa real, que acolle o Torreón da vila, sostido polas cabezas do oso e mais do xabaril, símbolos da Casa dos Andrade, que se dispoñen sobre unha ponte de tres arcos onde van morrer á ría de Ares as augas do Eume; a ponte, que acolleu antano un hospital de peregrinos a Santiago, e mais o río forman o nome de Pontedeume. Nos outros tres lados o fuste é liso.

Debido á inclinación da praciña das Angustias, o cruceiro está chantado sobre catro
chanzos no lado anverso e cinco no reverso.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …