O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol quere chamar a atención sobre o estado de conservación dos pavillóns deportivos da cidade e as deficiencias que presentan o que obriga, en moitos casos, a ter que suspender as actividades previstas, como adestramentos e competicións e urxe ao goberno municipal a acometer as obras de mellora precisas para que estas instalacións poidan estar completamente operativas.
O BNG sinala que cada vez que chove aparecen pingueiras nos pavillóns da cidade como o de Esteiro, o de Santa Mariña ou o do colexio de San Xoán que obrigan aos clubs a adestrar entre cubos ou directamente a suspender as actividades sen que por parte do goberno local se decidan a acometer os traballos de mantemento precisos para solventar estas deficiencias. Así mesmo hai casos como no pavillón de Santa Mariña no que hai un oco aberto no tellado.
O BNG advirte que os principais prexudicados da deixadez no mantemento destas instalacións deportivas son os clubs e os nenos e nenas do deporte base da cidade que son os que utilizan estas instalacións e cuxas condicións non son as máis adecuadas para a práctica deportiva.
O BNG considera preciso reorientar a política municipal de cara a que os fondos públicos consignados para o deporte na cidade se adiquen principalmente ao desenvolvemento do deporte base fronte à tónica dos últimos anos que se adicou fundamentalmente a promocionar o deporte de elite.