O Concello de Ferrol, a través da concellería de Cultura, que dirixe Antonio Golpe, ven de convocar unha nova edición do programa Ferrol Escena, unha iniciativa que busca contribuír á difusión e promoción do teatro, música, folclore, danza e demais manifestacións artísticas a nivel afeccionado e o seu achegamento ás asociacións veciñais do municipio.
A participación na iniciativa está aberto a todos os grupos de artes escénicas afeccionados e ás asociacións veciñais que consten inscritos no rexistro municipal de entidades cidadás do Concello. Os grupos interesados deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 10 días hábiles desde hoxe. Non haberá limitacións ao número de grupos e propostas.
Unha vez elaborado o catálogo de grupos inscritos, as asociacións veciñais que queiran solicitar actuacións —ata seis—, deberán achegar as súa solicitude nun prazo de 10 días hábiles contados dende a publicación do dito catálogo no taboleiro da páxina web do Concello.
As actuacións terán lugar unicamente os fins de semana do ano 2020 nos espazos propostos polas asociacións veciñais que así o soliciten, sempre e cando sexan lugares pechados e teñan as instalacións axeitadas para poder desenvolver as actividades, que serán públicas e de balde. Das seis actuacións como máximo en cada entidade, tres realizaranse entre o 1 de marzo e o mes de xullo e as outras tres entre agosto e o 6 de decembro.