José Fonte Sardiña
Como todos os anos acontece cando se achegan as festas de Nadal, a miña memoria voa a aqueles marabillosos tempos da nenez en Pontedeume. O primeiro sábado despois da Inmaculada Concepción, xa pola mañá, alentados polas escenas da Anunciación do Arcanxo Gabriel á Virxe María e da Adoración dos Pastores, representadas na parte de abaixo do retablo pictórico do altar maior da igrexa parroquial eumesa ―tan ben estudado, aínda que eu daquela o ignoraba, polo meu director no equipo de Publicacións do Xacobeo, o profesor García Iglesias―, os meus irmáns e mais eu, guiados polo noso pai, subiamos ao sacrosanto monte de Breamo, seguindo a primeira parte do percorrido que faciamos os dous días da romaría de San Miguel, para apañar, un chisco máis arriba das escaleiras do Monumento, pretiño de Vista Alegre, un pouco de musgo que, coas serraduras que nos proporcionaban na carpintería dos Canosa, servise de base ao modesto nacemento que montabamos na casa.
Monte arriba contemplabamos a vila que quedaba atrás, a igrexa parroquial, a capela
das Virtudes, o Torreón, o castelo de Andrade, a ponte, o río Eume, a ría de Ares e o
Mourón, e aquela pequena parte da praia de Cabanas que os eumeses considerabamos
nosa, con razón pero sen dereito, antes de que se perpetrase, con dereito pero sen razón, o tambricidio que acabou con ela e a construción do espigón.
Pola tarde baixabamos do faiado as figuras da Virxe, san Xosé, o Neno Xesús, o anxo, a mula e o boi, os Reis Magos nos tres camelos cos seus paxes, os pastores e lavandeiras, Herodes e o seu soldado e algúns animaliños, e os catro bloques de cortiza para facer o portal, a estrela, o castelo de Herodes, a pequena ponte, un muíño e algunha casiña, e toda a familia colocaba con entusiasmo o modesto nacemento, revestido coas faldras da bandeira de España, no curruncho máis relevante do humilde fogar.
Tamén para nós, como conta Ramiro Fonte en Os meus ollos, “a tarde en que faciamoso nacemento era unha festa […]. Alleas ás íntimas traxedias da nosa vila, as casiñas de cortiza do meu nacemento conformaban unha aldea feliz […]. Abofé que aquel mundoestaba ben feito”. Como el, os meus irmáns e mais eu, e anos despois os meus fillos e sobriños, caemos na tentación de sermos creadores de historias con personaxes representados polas figuriñas do nacemento que se movían por un escenario que nos parecía moi real e que máis ca aquel Belén do primeiro ano da era cristiá reproducía o noso Pontedeume, cheo do verdor do musgo, cun castelo que era unha humilde réplica do grandioso de Andrade que mandara facer o Bo na pena Leboreira no século XIV; os outeiros lembraban o monte de Breamo e as parroquias de Andrade e Vilar; as ribeiras do curso do río de papel de prata, as fragas e as parroquias de Ombre e Nogueirosa e da veciña Cabanas; a ponte, a desembocadura do pai Eume na vila; e as pequenas casiñas, as parroquias costeiras de Centroña e Boebre, que traen, mesmo na toponimia, lembranzas dos tempos castrexos e prerromanos, anteriores á natividade do Neno Xesús. Na Noiteboa non podían faltar, arredor do portal, as panxoliñas do coro familiar, dirixido sempre polo noso tío Juan Sardiña (Foto de Chus Fonte, irmá de Ramiro, coas figuras do nacemento familiar).
O nacemento da igrexa parroquial de Pontedeume, comparado co noso, era unha
marabilla, con grandes figuras de fermosa feitura e un portal, unhas casiñas e un castelo ben xeitosos. Así e todo, non podía competir co que tiñan en Atocha na Coruña. Como di Ramiro Fonte en Os meus ollos, “era tan grande que ocupaba un baixo enteiro, onde permanecía sen desmontar, ano tras ano. Tratábase do mellor de toda a provincia, aínda que axiña comezou a facerlle a competencia aquel nacemento ferrolán no que seica se movían as figuras […].
Un parvuliño secundario coma min tivo a fortuna de contemplalo el só, toda unha
regalía […]. Cando a señorita María del Carmen prendeu a luz, tiven a impresión de
asistir á creación do mundo. Un extraordinario país, habitado por centos de personaxes, despertou de súpeto perante a miña ollada atónita. Para min era incomprensible que non estivesen vivos, sabendo que desempeñaban os máis diversos labores que un pode imaxinar. Fiquei tan abraiado que apenas conseguín ler a cantidade de historias principais e secundarias que alí se desenvolvían”.