O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no pazo municipal ao presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. Na reunión que mantiveron, á que asistiron tamén os concelleiros Antonio Golpe e María Teresa Deus e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, abordáronse as diferentes accións que tanto o Concello como a Academia levarán a cabo ao longo do 2020, ano no que Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado no Día Das Letras Galegas. O encontro serviu para empezar a coordinalas e tamén para confirmar que o acto central da programación, o pleno extraordinario que a RAG celebrará o 17 de maio, terá lugar no Teatro Jofre. Previamente, haberá unha recepción oficial da corporación municipal aos académicos.
As iniciativas sobre o escritor ferrolán que promoverán ambas institucións serán varias. A primeira, segundo se avanzou na reunión, será a exposición sobre Carvalho Calero que está a organizar o Concello e que se abrirá ao público a principios de febreiro no Centro Cultural Torrente Ballester. Esta inauguración coincidirá coa presentación oficial do ano dedicado ao escritor. Por parte da Real Academia Galega trasladóuselle ao Concello que xa no segundo semestre celebrarase o tradicional simposio arredor do autor homenaxeado.
Tras o encontro, Ángel Mato agradeceu a boa disposición mostrada pola Academia para estreitar a colaboración co Concello co obxectivo de poñer en valor a figura de Carvalho Calero.