O Concello de Narón materializou o último pago correspondente ao convenio para a construción do novo centro de saúde

O Concello de Narón fixo efectivo este luns o terceiro e último dos pagos correspondentes ao convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Narón para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde na cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, confirmou que esta última contía a abonar á administración autonómica ascendeu a 860.353 euros. “Con este pago rematamos o importe total comprometido dende esta administración local para a materialización deste proxecto, que en conxunto supuxo ás arcas locais unha achega de 1.460.353 euros”, recordou Ferreiro.

Os pagos realizáronse en tres exercicios económicos, tal e como se acordou no seu día entre ambas administracións. O primeiro deles foi de 100.000 euros e o segundo de 500.000 euros, facéndose efectivas no momento en que se encargou o proxecto básico e de execución das obras, no primeiro dos casos, e cando se presentou a xustificación da publicación do expediente de licitación das obras, no segundo caso. Esta terceira aportación abonada, de 860.353 euros materializouse cando se presentou a xustificación da formalización do contrato para a execución dos traballos do novo centro de saúde, tal e como se contemplaba no acordo asinado entre as partes.

O Concello cedeu unha parcela de 6.142 metros cadrados para a construción do inmoble e, a maiores, asumiu os gastos derivados da dotación á parcela das infraestruturas necesarias, como accesos rodados e peonís, abastecemento, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía e a habilitación dunha zona de estacionamento, que se localizará fronte á parcela na que se constrúe o centro sanitario.

A mediados do pasado mes de novembro a alcaldesa, Marián Ferreiro, mantiña unha xuntanza en Santiago de Compostela co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na que dende a Xunta se solicitou ao Concello que asumise os gastos derivados da intersección en forma de glorieta que dará acceso ao centro médico dende a estrada de Castela –vial de titularidade autonómica-. Ferreiro aceptou a proposta solicitando en contraprestación, ao non tratarse dunha actuación que deba asumir a administración local, que a Xunta constrúa beirarrúas na estrada de Cedeira.
Ferreiro incidiu en que “queremos que os traballos avancen a bo ritmo para evitar posibles retrasos na entrada en funcionamento deste tan demandado e necesario servizo na nosa cidade”.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …