José Fonte Sardiña
É ben coñecido que os celtas e outros pobos prerromanos adoitaban construír noscumios das máis altas montañas ―Breamo vén do celta Brigamo, que significa monte
supremo ou moi elevado― monumentos relixiosos, porque alí se sentían máis preto dos deuses. Os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós na moi alta probabilidade de que na cima do Breamo houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico, onde conta unha lenda, relacionada co rosetón da porta principal, que se lles apareceu o Neno Xesús na Noiteboa daquel ano aos seus primeiros custodios, once cabaleiros templarios.
Ademais, en moitos destes cumios foron erixidos santuarios coma o noso na honra de
san Miguel para lembrar o súa milagrosa aparición no monte Gargano, no sur de Italia, o oito de maio do ano 490, de aí que os eumeses celebremos unha das romarías nesa data; esta do vinte e nove de setembro correspóndese coa festividade dos tres arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael, fixada pola Igrexa.
A festa de San Miguel de Breamo é, desde tempos inmemoriais, unha romaría enxebre e con fondas raíces galegas. Ademais das ancestrais tradicións, que talvez nos deixasen os vellos ártabros, de venerar a divindade no cumio dun monte, dar as voltas ―tres, sete ou nove, consonte o costume de cadaquén― e poñer o santo coa cruz celta ―que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro―, sempre en lingua galega ―Santo bendito che quite a enfermedá [sic] e che poña a sanidá [sic], polo amor [poder] de Deus e da Virxe María. Un Padrenuestro [sic] e unha Avemaría―, a imaxe de san Miguel toda a vida saíu na procesión acompañada polas gaitas que interpretaban a marcha do Antigo Reino de Galicia.
Eu, que asisto á romaría sempre que podo desde o meu iniciático San Miguel con algo
menos de dous meses de vida, escoitei aquí a miña primeira misa en lingua galega,
cando o castelán era o idioma oficial e case único da nosa Igrexa, e a interpretación do
himno galego, no canto do español, ao alzar no momento da consagración. Seica por iso cantou un día Xosé María Pérez Parallé: “No San Miguel de Breamo, / o sol gaiteiro tocaba / os sones fortes e rexos / do himno da nosa Matria; / e no cumio, ergueita e ceibe, / a bandeira azul e branca”.
A parte primeira e máis dura da subida ao monte de Breamo remata nas chamadas
escaleiras do Monumento. Finalizada a súa ascensión polos estreitos, medio escachados e, ás veces, esvaradíos chanzos, cómpre facer unha paradiña e botar o primeiro grolo de viño do camiño. Talvez o seu nome sexa debido á semellanza que tiñan coa parte central das empinadas escaleiras do Monumento do Xoves Santo, que se levantaba no altar maior do templo parroquial de Santiago de Pontedeume para que os fieis adorasen o Santísimo Sacramento. Esta grandiosa e aparatosa construción de quitar e poñer, de estilo neogótico, con escaleira en tridente, foi colocada na Semana Santa eumesa desde finais do século XIX ata os últimos anos da década dos sesenta do XX.
A imaxe do Salvador que se atopa no presbiterio da ermida de San Miguel de Breamo
foi traída aí, consonte nos conta o meu amigo Xesús Andrés López Calvo, da hoxe
desaparecida capela do Espírito Santo, situada a carón do hospital de peregrinos que
había na ponte eumesa mandada construír por Fernán Pérez de Andrade o Bo. Como
acontece no Pórtico da Gloria do Mestre Mateo da catedral de Santiago de Compostela, era frecuente poñer a imaxe do Salvador, sedente no trono celeste e mostrando as feridas dos cravos, nos pés e nas mans, e a do costado, inflixida pola lanza de Lonxinos, nas metas de peregrinación, para simbolizar que, despois do duro traballo do camiño, como metáfora da vida, está o premio de alcanzar o obxectivo, que para os romeiros é a chegada á capela para gozar da festa e para os cristiáns, o Ceo por mor do martirio redentor de Xesús Cristo na cruz.
Ademais das dúas tallas do santo que saen en procesión, unha de vestir, de branco, na
que o arcanxo mata ao demo cunha lanza ―en setembro―, e outra na que vence ao
diaño cunha espada ―en maio―, hai tamén na capela unha imaxe pétrea ―que aínda
conserva restos de policromía― de san Miguel coa balanza de pesar as almas, realizada por un obradoiro neomateán de Betanzos a principios do século XV.
A romaría dura todo o día. Os maiores, consonte a vella tradición, subimos xa pola
mañá, celebramos alí o xantar e continuamos logo a festa. Antigamente, a romaría
remataba coa caída do sol. Así e todo, a cousa cambiou un pouco desde hai uns anos,
porque os máis novos toman primeiro os viños na vila, comen polo camiño e chegan ao cumio do monte case co serán, e a festa rachada remata de noite cunha actuación
musical a carón da ermida.