A alcaldesa de Narón convoca unha xuntanza cos afectados polo peche da escola unitaria de Pedroso

Concentración solicitando a reapertura da escola de Pedroso na Xunta | Adán Puentes

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, convocou unha xuntanza para este mércores pola tarde co obxectivo de abordar a situación da escola rural de Pedroso. Na xornada de luns o Diario Oficial de Galicia publicaba a Orde de modificación das unidades e postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación en educación Infantil, Primaria e Especial. No citado documento non se alude ao CRA de Narón, no que se integra a citada escola rural de Pedroso, polo que ao non dotalo de persoal docente, todo indica –e a falta dunha confirmación oficial por parte da Xunta- que Educación non reabrirá o centro no vindeiro curso 2019-2020.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asegurou que “o que está facendo a Consellería de Educación co concello de Narón e coas súas veciñas e veciños é unha falta de respecto, ao non recibir aos representantes do goberno local, non atender as demandas das familias e nin sequera cumprir os compromisos adquiridos con elas ou pronunciarse sobre as súas intencións coa escola de Pedroso”. A rexedora local avanzou que, ante esta situación, “dende o Concello continuaremos á espera de que a Valedora do Pobo, a quen nos diriximos hai unhas semanas, se pronuncie sobre o caso de Pedroso, un centro donde se cumpre o requisito mínimo de seis menores que solicitaron praza e que é o que se esixe noutros similares, se ben no caso de Narón a Xunta quere manter pechada esta escola”.

Á espera desa resposta, a alcaldesa convocou ás familias afectadas pola situación a unha xuntanza que se celebrará este mércores pola tarde –ás 18.00 horas- no Concello, á que tamén se convidou aos portavoces dos grupos municipais, co fin de analizar os feitos e de manter o respaldo ás xustas reivindicacións das nais e pais que queren escolarizar aos seus fillos e fillas na unitaria de Pedroso.

A maiores dos actos reivindicativos celebrados no patio da escola dende o pasado mes de xuño –con periodicidade semanal- esixindo a reapertura, dende o Concello, as familias e a ANPA do CRA tamén se recolleron sinaturas encamiñadas a manter operativa esta escola do rural naronés. O pasado 5 de xuño a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, acompañou a dúas nais afectadas polo peche ao edificio administrativo da Xunta en Ferrol para remitir á Consellería de Educación as 1.629 sinaturas reclamando a reapertura da unitaria de Pedroso. Unha copia das mesmas entregáronlla ese mesmo día as nais afectadas á conselleira de Educación, Carmen Pomar, nun acto celebrado no concello de Coristanco, no que publicamente defendeu o papel destas escolas como dinamizadoras do mundo rural.

Ferreiro denunciou o incumprimento da administración autonómica, recordando que “o propio xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, comprometeuse ante a Federación de Anpas e familias afectadas tralo peche da escola de Pedroso a reabrir o centro se se rexistraban as solicitudes mínimas esixidas, seis, un compromiso que á vista da situación non se vai cumprir”.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …