O Concello de Narón e a DXT colaborarán cos centros educativos na formación sobre educación viaria e mobilidade

O concelleiro en funcións de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, acudiu na mañá deste venres á xuntanza organizada no Concello coa xefa provincial de Tráfico na Coruña,
Victoria Dobarro, e directores e profesorado de centros educativos da cidade. A reunión, á que tamén asistiron os axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello, convocouse co fin de analizar cos representantes dos colexios da cidade os requisitos esixidos para impartir a asignatura de Mobilidade sostible e segura a alumnado de Secundaria e Bacharelato.

O traballo que, a nivel formativo se realiza dende o equipo de Educación Viaria de Narón nos centros educativos da cidade é a referencia da que se partiría, se ben os representantes dos centros lle trasladaron a Dobarro as limitacións coas que se atopan para poder impartir esa asignatura, na que estarían interesados.

Acudiron á convocatoria representantes do instituto das Telleiras, e dos colexios Ayala, Santiago Apóstol, Jorge Juan e O Feal, que confirmaron a súa dispoñibilidade de ofrecer esta asignatura sempre e cando
se estude a posibilidade de ampliar o número de titulacións que actualmente se requiren para impartila ou habilitar a docentes con outras titulacións. A xefa provincial de Tráfico comprometeuse a analizar as cuestións plantexadas nunha xuntanza que terá lugar este mes, co fin de avanzar e tratar de que esta
asignatura se poida impartir naqueles centros que así o consideren.

Pola súa banda, dende o Concello de Narón, o edil de Seguridade Cidadá e Transporte Público, ofreceu a total colaboración para contribuír na formación do alumnado nesta materia. “Ao longo do ano levamos a cabo numerosas actividades e programas cos escolares da cidade nos centros educativos e continuaremos apoiando dende o Concello calquera iniciativa impulsada nesa mesma liña”, confirmou o edil.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …