Presentouse, en Narón, a cuarta edición do Festival internacional do monólogo teatral Singular

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro mes de marzo unha nova edición, a cuarta, do Festival internacional do monólogo teatral Singular. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, presentaron na mañá deste martes o programa, que consta dunha mesa redonda o día 7 de marzo e sete monólogos teatrais que se representarán entre os días 9 e 29 do vindeiro mes no Pazo. As entradas para os sete espectáculos, a cargo de compañías galegas, nacionais e internacionais, poden adquirirse xa na billeteira do Pazo da Cultura, tal e como indicou a alcaldesa.

O Festival Singular inaugurarase, avanzou Ferreiro, cunha mesa redonda no Café Teatro do Pazo da Cultura. A cita será o 7 de marzo a partir das 19.00 horas e na mesma cinco profesionais das artes escénicas: María Barcala, Marián Bañobre, Mercedes Castro e Xesús Ron, moderados pola directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, falarán sobre “Cómo enfrontarse á creación dun espectáculo unipersoal”.

O primeiro monólogo teatral, tal e como explicou a alcaldesa, será o día 9 de marzo, ás 20.00 horas, e correrá a cargo da compañía andaluza Rosario Pardo, que representará a obra Los días de la nieve. A protagonista desta obra é unha costureira, chamada Josefina Manresa e á que lle encargan un vestido azul. Mentras realiza o traballo a costureira fai un repaso pola súa vida, cargada de amor pero tamén dalgunhas desgrazas e na que unha das incógnitas pasará por coñecer quen lle encagou o vestido.
Na xornada do día 10 do vindeiro mes, explicou Ferreiro, será o turno da compañía Freddy Ginebra, de República Dominicana, que se subirá ao escenario do Café Teatro do Pazo para representar, ás 19.00 horas a obra Un sueño, una casa, medio siglo y muchas historias. A temática desta obra xira en torno á historia da fundación dunha casa de teatro, poesía, cada no centro de Santo Domingo. Ambientada na época da ditadura, a intelixencia e o humor combínanse neste espectáculo co fin de manter viva esta institución.

A terceira representación do ciclo Festival Singular será o día 15 de marzo. Nesa ocasión, e tamén no Café Teatro do Pazo da Cultura, subirase ao escenario, ás 20.30 horas, a compañía galega A quinta do cuadrante, para representar Empapelado amarelo. Esta obra é toda unha posta en valor do papel das mulleres como creadoras ao longo da historia; un monólogo que reflexiona sobre os problemas actuais do papel da muller como nai, en referencia aos seus roles no fogar, e tamén unha defensa á liberdade individual e unha aposta pola rebelión contra o mercantilismo.

«Yo no estoy loca» é a obra que dará continuidade, o día 16 de marzo ás 20.00 horas, a este Festival Singular. De novo unha compañía internacional, neste caso de Colombia, Teatro Petra, chega a Narón cun espectáculo centrado nas historias dunha muller que sae dos cánones tradicionais, aínda vivindo nunha sociedade tradicional. Historias baseadas na vida real, en concreto sobre unha infidelidade que, á vista da reacción da esposa, fai crer á xente que está tola, unha crenza que aplican a moitos outros ámbitos en función de diferentes situacións que vive a muller.

A compañía madrileña Teatro El Barrio tamén participará no Festival Singular. Será o día 22 de marzo coa obra Emilia, que representará a partir das 20.30 horas. Este monólogo teatral é a primeira parte da triloxía Mulleres que se atreven, e na que o autor trata de posicionar a mulleres brillantes da historia no lugar que lles corresponde, dándoas a coñecer. Neste caso, Emilia amosa a loita da novelista galega Emilia Pardo Bazán, unha muller do século XIX forte, intelixente e divertida que escribe e tratou de ingresar na Real Academia da Lingua, aínda sendo reprobada por moitos dos seus contemporáneos.

O día 23 de marzo representarase a obra Tanatorium, da compañía valenciana Félix Albo. Será a partir das 20.00 horas cando comece este espectáculo, cargado de humor e emoción. Un home entra no recibidor dun tanatorio xusto cando se vai a luz e a escuridade, o silencio e unha incómoda humidade do edificio dan paso a un soliloquio co que percorre varias vidas ata chegar á súa propia.

Finalmente, unha compañía galega, Mona Productora, pechará o Festival Singular, o día 29 de marzo. Representará a obra Anatomía dunha serea, a partir das 20.00 horas, contando unha historia protagonizada por unha muller que padedeu a violencia obstétrica sufrida durante un embarazo e o parto, narrando o sucedido dun xeito autocrítico.

O prezo das entradas para cada un destes espectáculos é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.

A alcaldesa animou ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a desprazarse ao Pazo para poder asistir tanto á mesa redonda como aos monólogos teatrais incluídos nesta nova edición do Festival internacional do monólogo teatral Singular.

Lea también

Uns 300 deportistas participan en Narón no Campionato provincial de dúatlon escolar “Xogade”

O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, o presidente da Fegatri, Javier Campos, e …