A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, amosou o seu malestar pola comunicación realizada recentemente desde a Xunta de Galicia á dirección e á ANPA do colexio Virxe do Mar na que se pronunciaban sobre os investimentos en centros educativos da cidade.
A administración autonómica alude no escrito a unha moción aprobada no Concello en 2017 sobre, indican, o compromiso do Consistorio de investir unha contía igual á da administración autonómica nestas tarefas. Ao respecto, Taibo subliñou que nesa moción (impulsada por Terra Galega, PSOE e BNG) “o que aprobamos foi instar á Consellería de Educación a elaborar un informe das necesidades e melloras urxentes nos centros educativos do termo municipal, co fin de dotar orzamentariamente as actuacións prioritarias e ofrecendo o Concello unha colaboración de ata un 50% dos fondos necesarios para acometelas”.
“Á vista dese acordo aprobado precisamente cos votos favorables de todos os edís da corporación local excepto os cinco do Partido Popular, desde o goberno local temos que lamentar que a Xunta trate de enganar aos representantes do colexio Virxe do Mar e, por extensión, ás veciñas e veciños de Narón”, recalcou Taibo. A edil naronesa incidiu en que o investimento que realizaron por importe de 693.064 euros, como aseguran no seu escrito “destinouse a obras que decidiu unilateralmente a Consellería de Educación, en ningún caso consensuadas coas dirección dos centros nin atendendo ás prioridades que se detectan en cada un deles, e cofinanciáronse con cargo a unha liña de axudas de fondos europeos, que cubriron o 80% dese gasto”.
O equipo de goberno de Narón realizou en varias ocasións, sen éxito, o seu ofrecemento para colaborar coa Xunta de Galicia. “Estamos a favor da colaboración entre as administracións e neste caso concreto desde o Concello reiteramos a nosa vontade de asinar un convenio coa Xunta para acadar un compromiso firme da administración autonómica co fin de atender as necesidades en materia de renovación e melloras dos centros educativos desta cidade, algún deles con máis de cincuenta anos, e nos que non realizou as actuacións que lle correspondía asumir en base ás súas propias competencias”, asegurou a edil.
Desde a área de Ensino incidiuse en que “estas reformas que precisan os centros deben ser consensuadas e responder a unhas prioridades, e en ningún momento decididas unilateralmente sen ter en conta a opinión das direccións dos mesmos”.
O Concello de Narón investiu o ano pasado unha partida de máis de 100.000 euros en melloras en centros de ensino tanto da zona urbana como rural da cidade, e outra duns 140.000 para outros traballos de mantemento nos edificios. “En ocasións asumindo traballos que non son competencia da administración local senón da Xunta de Galicia, pero que á vista da súa desidia e da urxencia por acometelas decidimos facer fronte ao gasto desde a administración local”.
“O que deberían facer os responsables da Consellería de Educación é atender as peticións que, en beneficio das veciñas e veciños desta cidade, realizamos desde o goberno local. Por este motivo reiteramos a nosa total disposición para asinar ese convenio a dúas bandas destinado a mellorar os centros de ensino da cidade unha vez que realicen un informe no que se detallen as necesidades en cada un deles, que xa lles trasladaron desde os propios centros e tamén desde o goberno local a través do xefe territorial de Educación”, recalcou a edil naronesa.