Presentado un completo programa de actos para a Recreación Tradicional da Esfolla en Doso, Narón

A recreación da Esfolla en Doso reunirá o vindeiro 10 de novembro na parroquia a todas aquelas persoas que un ano máis queiran desfrutar desta celebración traficional, que cumpre xa vinte e un anos. A concelleira de Cultura do Concello de Narón, María del Carmen Espada, presentou na mañá deste martes o evento, acompañada por tres integrantes da AVV A “Naveira”, de Doso, Severo Castro, Ángel Paz e José Luis Merlán. A citada entidade veciñal organiza a convocatoria xunto co Padroado da Cultura de Narón.

A programación de actos dará comezo ás 17.00 horas baixo unha carpa que se instalará na zona da pista polideportiva de Doso e nas súas inmediacións. Unha comitiva de dous carros cargados con mazarocas de maínzo chegará á zona procedente do rueiro da Braña para comezar a Esfolla. Os asistentes poderán colaborar durante a tarde nesta tarefa e, como novidade este ano, haberá tamén un concurso de debagado de maínzo, para o que non será precisa inscrición previa.

Entre as actividades incluídas na programación están tamén obradoiros de bonecos de maínzo e bolas de tixola (a base de fariña milla e auga e que se poderán degustar ese día), nos que poderán participar todas as persoas que o desexen a medida que vaian chegando á celebración. Tan só será preciso inscribirse previamente para o concurso de sobremesas con produtos de tempada, que se organiza un ano máis e para o que terán que entregar a súa proposta xunto cos datos persoais no momento de anotarse, tal e como indicaron desde a organización. 

Un ano máis, haberá unha exposición de bonecos de maínzo que se realizaron nos últimos días nos centros escolares da cidade, no marco dunha iniciativa impulsada a través do Padroado da Cultura, tal e como recordou a concelleira responsable da área.

O apartado musical correrá a cargo das Escolas e Grupos do Padroado da Cultura e tamén do grupo Aliboria, integrado por novos músicos galegos dirixidos por Xosé Lois Romero e que conta actualmente cunha ampla traxectoria na música folk e tradicional.

A concelleira de Cultura animou ás persoas que desexen acudir a este evento a que acudan vestidos con prendas que habitualmente utilizaban os labregos en Galicia.

María del Carmen Espada felicitou á entidade veciñal A Naveira, de Doso, “por levar máis de dúas décadas traballando para manter no tempo esta celebración tradicional, transmitíndoa de xeración en xeración”. En representación da entidade, Ángel Paz agradeceu a colaboración do Padroado da Cultura e convidou, xunto coa edil naronesa aos veciños e veciñas a colaborar no desenvolvemento desta celebración.

 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …