O Foto de Amigos de Ferrol lembra que Ferrol formouse o século XVIII por unha serie de xente chegada de fora da cidade.
—-00=00—-
Moitos ferroleños enchen a súa boca con ese conto de que en Ferrol naceron moitos persoeiros, que logo foron famosos no resto do Estado, por diferentes razóns. Pero, ¿qué fixeron realmente pola súa cidade natal todos eses importantes personaxes ? Estamos a falar dos irmáns Franco (Francisco e Ramón), José Canalejas, Pablo Iglesias (o respectable sindicalista, non ese señor que vemos na tele), Concepción Arenal, López Seoane ou Álvarez de Sotomayor .
Realmente todos eles, nos importantes traballos que levaron a cabo na súa discutida traxectoria vital, fixeron moi pouco ou case nada pola nosa urbe. Polo menos o ferrolán Ramón Plá, o marqués de Amboage, que tan só lle deu tempo para estar tres días en Ferrol trala súa volta de Cuba, para logo afincarse en Madrid, deixou unha Fundación Benéfica, que no seu intre beneficiou dabondo a moitos veciños de Ferrol.
Pero tamén hai que dicir que á súa vez Ferrol tampouco fixo moito por outros importantes personaxes aquí nacidos, casos de Carballo Calero, Torrente Ballester, Camilo Díaz Baliño ou Fontenla Leal, deixando que os seus arquivos e bibliotecas, como tantas cousas, foran levados fóra de Ferrol. Hoxe vemos como distinguidos seareiros ferroleños dun e doutro escritor tanto mercan a casa en ruínas dun deles como inventan rutas literarias do outro, pero o caso é que o importante legado documental deles se atopa máis ou menos agachado nalgún lugar de Santiago de Galicia.
Neste caso cúmprese un habitual paradoxo. Os nativos/as da nosa cidade son coñecidos e reputados polas súas meritorias obras fóra de Ferrol (Juan Flórez, alcalde da Coruña; Ramón de Carranza, alcalde de Cádiz, e moitos máis), mentres que as xentes que realmente e de verdade fixeron Ferrol foron unha serie de persoas que viñeron de lonxe, desde diferentes lugares do territorio peninsular, traballando de arreo nesta cidade moitos anos, deixando feita a súa importante obra en Ferrol e mesmo deixando aquí a súa vida.
Estamos a falar do sevillano Sánchez de Aguilera, o conquense Sánchez Bort, o catalán Andrés Comerma, o alicantino Jorge Juan, o palmeño Antonio Togores, o asturiano Álvarez Caballero, o vigués Rodolfo Ucha, o compostelán Santiago de la Iglesia, o tudense Leandro de Saralegui, o madrileño Alonso Canto, a leonesa Ángela Ruiz Robles, o malagueño Miranda y Godoy, o madrileño Gregorio Baudot, o coruñés Xaime Quintanilla, o menorquín Juan Cardona e moitos máis. Habería que incluír ademais aos canteiros e pedreiros que viñeron do resto de Galiza, aos fomentadores cataláns, aos comerciantes maragatos e aos técnicos ingleses, entre outros.
Para non amolar aos intelectuais ferroláns de silveira e a certos intrépidos periodistas desta vila, desta rolda non quixéramos esquecer a San Rosendo, Carlos Casares, Gurméndez, o mago Merlín, Álvaro Cunqueiro e outros personaxes de ciencia ficción, que en múltiples ocasións son a teima de moitos ferroleños. Mesmo se conta dalgún destes persoeiros que tanto adoran, que chegaron a tomar un cafeliño nunha coñecida cafetería situada no que o seu día fora a chamada Praza de España, hoxe o lugar convertido por cinco alcaldes distintos nunha desfeita verdadeira.
Pola trancrición Juan J. Burgoa