A final das Olimpíadas Escolares de Educación Viaria do Concello de Narón marcou o arranque da xornada deste xoves na Semana da Mobilidade e Educación Viaria. Preto de seiscentos nenos e nenas de quinto e sexto curso de Primaria de nove centros de ensino da cidade participaron nesta iniciativa e unha representación deles –os que obtiveron a maior puntuación nas fases previas realizadas nos colexios- subíronse ao escenario do Pazo da Cultura para disputar esta final.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, foi a encargada de entregar os premios do certame, xunto co vicepresidente da Fundación CNAE, José Manuel López Marín; Belén Mansilla, en representación da citada entidade; Guillermo Sánchez Fojo, concelleiro de Seguridade Cidadá, e Yolanda Davila, de La llave de Oro.
Formaron parte do xurado representantes do equipo de Educación Viaria do Concello, da Fundación CNAE, de Urbaser e do clube ciclista Clásico BikeWorks. En representación do Concello estiveron no acto o concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo; e as concelleiras de Ensino, Mercedes Taibo; Acción Social, Catalina García e Promoción Social, Teresa Sabio.
Algo máis de medio cento de alumnas e alumnos de quinto curso dos nove colexios participantes -Piñeiros, Ayala, Jorge Juan, Santiago Apóstol, A Gándara, Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia e O Feal- foron os primeiros en subirse ao escenario. Durante algo máis dunha hora respostaron ás preguntas formuladas na final, que o resto de compañeiras e compañeiros asistentes podían ver nunha pantalla. Unha vez que remataron, subiron medio centenar de escolares de sexto de Primaria –os que pasaron á fase final- para respostar tamén a unha batería de preguntas.
Mentres se realizaba o reconto da puntuación, subiu ao escenario a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que felicitou a todas e todos os participantes nestas Olimpíadas Escolares de Educación Viaria. Ferreiro agradeceu a participación de tódolos colexios e a implicación do equipo de Educación Viaria do Concello, do alumnado e profesorado dos centros e tamén dos integrantes do xurado destas Olimpíadas. Na súa intervención, a alcaldesa dirixiuse aos escolares para recalcar que “para nós todas e todos sodes gañadores” e animounos a continuar formándose en seguridade e educación viaria “para aplicar agora como peóns e ciclistas e despois como condutores todo o aprendido na materia”.
Os premios entregados consistiron en un Lego de robótica (Mindstorms V3) para os gañadores do primeiro premio, quinto do colexio Virxe do Mar e sexto do Ayala; drons (Denver DCH-261) para os segundos, quinto da Gándara e sexto do Feal, e outros dous drons tamén para os terceiros clasificados, quinto da Solaina e sexto da Gándara. A maiores todos os alumnos e alumnas de quinto e sexto curso dos colexios gañadores obtiveron entradas de cine e houbo diplomas para os tres primeiros clasificados de cada curso e por asistencia para o resto de participantes.
Pola tarde a partir das 17.00 horas retomouse o Parking Day na Praza da Gándara, con tres actividades. Entre as 17.00 e as 18.00 horas haberá un obradoiro de cerámica, no que poideron participar o público en xeral e desde as 17.00 ata as 19.30 horas, tivo lugar un encontro de palilleiras. Desde as 18.00 ata as 19.00 houbo unha segunda actividade aberta á cidadanía, unha sesión de musicoterapia. Ao longo tamén da tarde, de 17.00 a 19.00 horas, as instalacións de Evo Skate, na Faísca, acolleron unha exhibición de skate, con clases de iniciación.
Hoxe venres peche dos actos
O peche dos actos da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón terá lugar este venres pola mañá, coa celebración da undécima edición da Marcha Ciclista Escolar, na que participarán uns 1.200 escolares de centros de ensino de Narón, do colexio Maciñeira de Neda e usuarios da asociación Nuestra Señora de Chamorro. Ás 10.00 horas sairá en bicicleta dos colexios (acompañados por persoal do equipo de Educación Viaria, integrantes das Anpas e pais e nais a título particular, así como algúns mestres) o alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria, para dirixirse por tres rutas distintas ao paseo marítimo de Xuvia. Unha vez alí, os rapaces e rapazas farán un descanso para tomar un bocadillo e unha bebida de balde e presenciarán, entre as 12.00 e as 13.00 horas, unha exhibición da Unidade Canina do Tercio Norte de Infantería de Marina. Unha vez rematada, os participantes regresarán de novo aos seus centros escolares.
A programación deste ano da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón tamén incluíu outras dúas actividades que se desenvolveron desde o pasado luns e rematarán mañá: Móvete en Narón e Aluguer de bicis. Ambas propostas se dirixen ao público xeral, se ben a primeira delas consistiu en outorgar un premio á persoa que se inscribise previamente na aplicación Strava e durante ese período rexistre a maior actividade camiñando, correndo ou en bicicleta. Os participantes podían inscribirse nas tres actividades pero é imprescindible que as realicen nalgún momento dentro do termo municipal naronés. A segunda das propostas, Aluguer de bicis, diríxese ás persoas con tarxeta de bici pública e utilicen o servizo en máis ocasións (un tempo mínimo de dez minutos) desde o pasado luns ata este venres, tanto en Narón como en Ferrol, e o premio será a renovación da tarxeta pública de bici durante un ano.