Plantación de árbores na que participou alumnado do Colexio Rural Agrupado do Val

Preto dun centenar de alumnas e alumnos de entre 3 e 10 anos do Colexio Rural Agrupado (CRA) do Val participou activamente na mañá deste xoves nunha plantación programada desde a Asociación de Veciños Os Irmandiños, da citada parroquia naronesa, na que colaborou o Concello, e que tivo lugar nas inmediacións do local social do Val. Nesta tarefa implicáronse tamén a alcaldesa, Marián Ferreiro, e os concelleiros da área de Parques e Xardíns, Ibán Santalla, e de Promoción Social, Teresa Sabio, que colaboraron coas rapazas e rapaces nesta plantación.

A actividade desenvolveuse a partir das 10.00 horas nunha parcela que en conxunto ten algo máis de dous mil metros cadrados de superficie, donde se plantaron un total de vinte carballos e un teixo. “A nosa aposta á hora de planificar novas plantacións de árbores no termo municipal irá encamiñada precisamente a plantar este tipo de especies autóctonas con propostas como a de hoxe, nas que se impliquen as nenas e os nenos de Narón”, destacou Marián Ferreiro. A alcaldesa agradeceu a colaboración amosada tanto desde a AVV Os Irmandiños como desde o CRA do Val para participar nesta actividade.

O edil de Servizos, Ibán Santalla, recordou que o Concello xa actuou o ano pasado sobre esta superficie. “O goberno local destinou uns 7.000 euros a adecentar esta superficie municipal na que hoxe realizamos a plantación, donde xa se plantaron outros dez carballos”, indicou. Santalla avanzou ademais que as tarefas programadas nesa zona do municipio continuarán nos vindeiros meses “coa colocación de catro mesas de pedra con bancos, tamén de pedra”.

“Esta intervención impulsada nesta parroquia permitiranos mellorar considerablemente un espazo de ocio e lecer para a veciñanza tanto do Val como doutras zonas da cidade, ou para que xente doutros concellos se achegue á nosa cidade para desfrutar da riqueza natural e patrimonial de Narón”, destacou a alcaldesa.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …