Homenaxe en Sedes-Narón ás mulleres loitadoras e ás vítimas da Revolta das Pedradas

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a edil de Igualdade, Teresa Sabio, e Lidia Romero, presidenta da Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, participaron na mañá deste martes xunto co presidente da AVV Rosa dos Ventos, de Sedes, Manuel Ángel Rico, e outros representantes da corporación local e da entidade veciñal, no acto organizado polo Concello e a citada Comisión –da que forma parte a propia AVV- para conmemorar o centenario da Revolta das Pedradas.

Cumpríronse cen anos

Este martes cumpríronse cen anos da Revolta das Pedradas, que se saldou na parroquia naronesa de Sedes con cinco persoas mortas e varias feridas. As mulleres campesiñas da época lideraron unha revolta popular que comezou en Xuvia e que viviu un dos momentos máis dramáticos o 13 de marzo de 1918 na zona da Feira do Trece. A falta de alimentos, a subida de prezos de artículos de primeira necesidade e de impostos e, en definitiva, a carestía de vida, xeraron unha revolta social que en Sedes levou a un grupo de homes e mulleres a lanzar pedras contra a vivenda do alcalde da época, Juan Fernández, que vivía na zona da Feira do Trece. A Garda Civil cargou alí contra a veciñanza e como resultado morreron cinco persoas e varias resultaron feridas.

Unha escultura

A todas aquelas mulleres loitadoras e ás vítimas destes feitos se dedica o monumento que se pode ver desde este martes no recinto do Trece, unha escultura de Carlos García coa figura dunha muller, representando ás labregas que lideraron o movemento de Marzo de 1918. Así o explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que destacou que “a xente que pase por esta zona coñecerá e recordará a historia das loitadoras deste concello e da comarca, uns feitos que marcaron precisamente a historia de Narón e que non poden quedar no esquecemento”. “Queremos dar visibilidade a aqueles días históricos na nosa cidade e na comarca, darlles a importancia que se merecen para que as xeracións futuras non esquezan a historia desta loita porque o recordo desas mulleres e homes loitadores é cuestión de xustiza”.

Pola súa banda, a edil Teresa Sabio, representante do Concello na Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, valorou a actitude “de todas esas mulleres que fixeron historia e saíron á rúa a protestar”, incidindo en que eses feitos representan “un anaco da historia coa que facer xustiza nun tempo no que se tentou obviar a importancia destes acontecementos”.

A presidenta da Comisión, Lidia Romero, explicou no acto de inauguración que “recuperar este monumento de tributo ás vítimas é pór en valor esa parte da Historia de Narón e da comarca de Trasancos que foi soterrada e ocultada e que debería ser un exemplo pola súa coraxe e o seu valor”. Romero engadiu que “a nós gustaríanos que a partir de hoxe cada persoa que pase por este lugar coñeza o seu significado e que para os naroneses e naronesas sexa un motivo de fachenda”.

O Concello de Narón aprobou no pleno ordinario de marzo de 2017 unha moción por maioría (coa abstención de ENE), comprometéndose a colaborar coa Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918. Froito desa colaboración, nomeouse á edil Teresa Sabio como representante do Concello na citada Comisión e tamén se organizou o acto que tivo lugar este martes.

Finalmente, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, subliñou que “temos un compromiso firme coa recuperación da Memoria Histórica, coa loita contra o esquecemento das persoas que antes loitaron pola democracia e a xustiza dos dereitos colectivos”.

Novo acto

Así mesmo, o vindeiro domingo, día 18, terá lugar un novo acto programado polo Concello e a Comisión da Revolta Popular de Marzo de 1918, cunha programación que se desenvolverá en horario de mañá e tarde no local social de Sedes e no Campo da Feira da citada parroquia naronesa.

A Comisión quere aproveitar para facer un chamamento á cidadanía de Narón e comarca para que se sume aos actos .

O programa, elaborado pola Comisión Revolta Popular de Sedes, comeza ás 11,00 horas no local social de Sedes cunha charla-coloquio na que participarán Ana Pérez, Francisco Rodríguez e Joám Lopes e que estará presentada por Lidia Romero, presidenta da Comisión.

Ás 13,00 horas, tamén no local social, o Colectivo Moraima protagonizará un recital poético e ás 14,30 horas haberá un xantar na Trasanquesa.

Pola tarde, ás 16,30 horas, regresarase ao local social de Sedes, onde terá lugar un taller de memoria para as persoas que conserven na memoria algún relato ou dato daqueles feitos contado polos seus maiores; e, como remate, desprazarémonos ao campo da feira de Sedes –se o tempo non o permite sería no local social- para asistir a unha actuación musical a cargo de Xosé Luis Rivas “Mini” e, finalmente, ás 18,00 horas, a ofrenda floral en lembranza das vítimas da Revolta.

 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …