Será, por primeira vez, un premio coral, a un colectivo de mulleres ferrolás con nome propio, cun papel destacado na historia do movemento obreiro que tivo o seu culmen nos tráxicos sucesos de marzo do 72, un recoñecemento do Concello de Ferrol a unha xeración en feminino nun intento de facer xustiza coa labor destas mulleres, tantas-moitas, que estiveron ao pé da rúa na defensa das liberdades e que quedaron solapadas ou diluídas polo que ate agora fora unha narración masculina da historia.
O Concello de Ferrol vai facer entrega deste galardón o vindeiro 7 de marzo, nunha gala moi especial e de seguro, inesquecible, que terá lugar no teatro Jofre o mércores as 20:00 horas coa voz marabillosa de Sés, María Xosé Silvar, (A Coruña, 1983) cantautora reivindicativa e combativa que aceptou gustosa o convite da Concellería de Muller para poñer a banda sonora a este acto singular.
A concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, Saínza Ruiz, explicaba hoxe polo miúdo os detalles do programa de actos deseñado polo Concello de Ferrol para a XI edición dos premios ‘8 de Marzo’ do Concello. Nesta ocasión, optouse por adiantar a data un día para respectar o dereito a folga feminista convocada nesta data. A gala será o epicentro para a estrea de ‘Esto se cae’, o fermoso documental que recolle estas pequenas (pero grandes) historias de vida de mulleres con nomes e apelidos “nun proceso de recuperación da memoria tan gratificante como fermoso”.
«A historia da nosa cidade, mesmo en marzo do 72, sempre foi contada desde o punto de vista dos homes. Coidamos que chegara o momento de poñernos as gafas da igualdade e por fin, recoñecer a todas as mulleres que foron imprescindibles no marzo do 72 para acadar os dereitos fundamentais«, manifestou Ruíz, en rolda de prensa.
Os convites para asistir a gala poderanse recoller desde as 18:00 horas deste venres 2, tamén o sábado e o domingo, no horario habitual da billeiteira do Jofre, de 11 a 13 e de 18 a 20:00 horas. Lembrade que pecha os luns. As entradas son de balde ate completar o aforo do teatro.
A gala do 8 de Marzo, coa música de Sés, será o acto central dos actos do Concello de Ferrol co gallo do Día da Muller Traballadora pero non será o único. Saínza Ruiz lembraba que o día 8, vaise colgar a faixa en feminino no frontal do Pazo Municipal de Ferrol. O propio xoves, realizarase unha nova plantación de roseiras na fonte ao lado do Cantón de Molíns na lembranza de todas as mulleres que foron asasinadas polo machismo desde o pasado 25 de novembro, data na que se facía a derradeira plantación no Parque Raíña Sofía.
Ademais, a concelleira de Muller e Igualdade, avanzaba algúns dos actos previstos neste mes de marzo no que se lle renderá unha cumprida homenaxe a mestra e inventora, Ánxela Ruíz Robles, precursora do Ebook, coa estrea dun documental o 15 de marzo no salón de actos do Antigo Hospicio. Un pouco antes, o 9 de marzo, a Sala de Proxectos do CTB será o espazo no que se proxecte o primeiro dos capítulos dun traballo documental e audiovisual que demos en chamar ‘Ferrol en Lila’, e que resume os logros acadados polas mulleres na nosa cidade en distintos eidos.
O programa de actos do 8 de marzo compleméntase cunha serie de dúas charlas e unha exposición pictórica na Casa da Muller.