Na mañá de hoxe, Germán Costoya, concelleiro do grupo municipal socialista, compareceu en rolda de prensa para denunciar o despilfarro de cartos públicos que supón haber mercado un sonómetro, aínda por riba foi o máis caro das ofertas presentadas, e non habelo utilizado nin unha soa vez en máis de un ano.
“É un despilfarro de cartos, non é admisible que nunha cidade coma Ferrol, con todas as necesidades que ten, o goberno municipal se adica a tirar os cartos facendo compras inútiles” comezou afirmando o concelleiro Socialista.
“Sorprendeunos moito cando habendo unha oferta por 19.133 euros e outra por 12.584 euros se decidiu adxudicar á que ofertaba 21.715 euros, pero se nos dixo en Comisión que era a oferta máis completa, a que maiores prestacións ofrecía, e polo tanto podería dárselle mellor uso, ademais hai un informe da técnica municipal que o xustifica” dixo Germán Costoya.
Continuou o concelleiro dicindo “parecía que o seu uso ía ser inmediato, ata foron a A Estrada a técnica municipal de Medio Ambiente xunto con membros da Policía Local para recibir unha formación específica, na Academia Galega de Policía. Incluso un tempo despois fíxose unha xuntanza na Biblioteca Municipal de Ferrol á que asistiron ducias de funcionarios, cando menos, policías locais, técnicos de Obras e técnicos de Urbanismo. Todo parecía indicar que habería “lista de espera” para utilizar o sonómetro, ata se chegou a falar de que habería un equipo interdisciplinario coordinado por Medio Ambiente para a súa utilización”
“Polo tanto, cartos para a compra do aparato, cartos para os desprazamentos a A Estrada, cartos de horas de funcionarios para a súa formación… todo semellaba preparado para a posta en funcionamento do “sonómetro fantástico”, pero non foi así, xa que nas últimas Comisións preguntamos dende o PSOE qué uso se lle había dado ao sonómetro que se mercara en decembro do 2016, e a resposta do concelleiro responsable, o señor Luis Victoria, foi que “non se lle había dado ningún uso” e que ademais “non sabía por qué” e botando balóns fora cara á Policía Local e á lexislación, desculpas que non son xustificación, xa que se formou aos funcionarios precisos e a lexislación non cambiou dende que se mercou” afirmou Germán Costoya.
“O resumo é que despois de gastar 21.715 euros hai 14 meses en mercar o mellor sonómetro, e de formar a funcionarios para o seu uso, resulta que non se saca da caixa e o concelleiro responsable, máis ben irresponsable, da área non sabe por qué, é vergoñento” sentenciou o concelleiro socialista.
“A estas alturas xa está máis que demostrado que este goberno municipal é incapaz de xestionar absolutamente nada, as ferrolás e os ferroláns xa nada esperan deles, pero o que xa é o colmo é que tiren ao lixo os cartos da veciñanza de Ferrol. Con toda seguridade calquera veciña ou veciño da nosa cidade pode dicir unha morea de asuntos nos que gastar o diñeiro público sen que sexa dilapidado desta maneira, Ferrol non está para tirar os cartos” finalizou dicindo Germán Costoya.
O sonometro utilizase cando hai denuncias por exceso de ruido , fundamentalmente en lugares publicos.E si non hai necesidad de usalo non se usa, pero telo preparado para cando faga falta e funcionarios preparados e o normal.