Oito rapazas e rapaces iniciarán este luns 15 un ano de prácticas remuneradas na rede de bibliotecas municipais do Concello de Ferrol -Praza de España, Caranza e Inferniño- froito dun acordo asinado en decembro entre o Concello de Ferrol, a través da Concellería de Cultura e Educación e a Universidade da Coruña.
Oito universitarios, recen titulados, iniciarán o luns as súas prácticas profesionais remuneradas cunha bolsa de doce meses de duración nas tres bibliotecas (7 persoas) e no Arquivo Municipal de Ferrol (1). O importe total do convenio, asinado por dous anos -entre o concelleiro Basterrechea e a vicedecana da UDC, Rocío Ameneiros- e prorrogable a vontade das partes, ascende a 85.221,12 euros e a remuneración mensual de cada un dos bolseiros durante o ano de prácticas será de 850 euros.
A convocatoria foi publicada a finais de decembro na páxina web do Concello e estaba dirixida a Diplomados en Biblioteconomía, Licenciados en Documentación, Grado de Información e Documentación expedido pola Universidade da Coruña. En total, presentáronse 35 solicitudes para as oito prazas.
Os oito bolseiros realizaran a súa formación en prácticas durante 12 meses desde a data da sinatura, no horario habitual da xornada dos seus traballadores, ate un máximo de 37 e 1/2 horas semanais.
O concelleiro, Suso Basterrechea, volvía a subliñar hoxe a importancia de tender pontes Concello-Universidade, en torno ao campus ferrolán como lugar de encontro da cidade coas facultades e o eido académico, para procurar a inserción dos titulados no seu ámbito profesional específico, abrindo o camiño de acceso ao mercado laboral e reforzando a prestación dun servizo esencial como son as bibliotecas públicas, cunha media diaria de público de 900 a 1.200 persoas.
O edil salientaba, especialmente, a aposta que se fai desde a Concellería de Educación e Cultura por complementar a actividade da biblioteca con obradoiros, exposición, proxeccións e ciclos, desde contacontos para nenos, actividades de maxia, e os obradoiros para mozos e adultos de teatro, cine, e clubes de lectura.