A Biblioteca Municipal de San Sadurniño lánzanos varios retos para este 2018

Actividade na biblioteca – Concello de San Sadurniño

Deixar de fumar, facer algo de deporte, levar unha dieta equilibrada, aprender unha lingua… Son os típicos propósitos de ano novo que, moi ao noso pesar, poucas veces chegamos a cumprir a menos que alguén nos axude ou que o tomemos como un desafío. A eses propósitos de sempre, a Biblioteca Municipal de San Sadurniño engádelles o de volver mirar os libros, o de recuperar o pracer da lectura profunda e reflexiva, ameazada hoxe pola superficialidade e rapidez da cultura dixital. Os retos que nos propón son o de participar no club de lectura para persoas adultas, nun obradoiro de dramatización de textos teatrais para rapazada, a lectura de alomenos 14 títulos dos seus fondos -12 no caso dos nenos e nenas-, e tamén o desenvolvemento dun xogo de investigación e descubrimento que terá premio a final de ano.

A bibliotecaria municipal denominou este xogo «Lendo polos corredores. Un reto ao mes» e a mecánica é ben sinxela. Unha vez ao mes pendurarase nalgunha das paredes do CPI unha folla cunha serie de preguntas e enigmas sobre coñecementos variados que cumprirá resolver investigando en fontes bibliográficas.

Quen dea coa solución deberá metela nun sobre e levala á Biblioteca Municipal e, tal e como comenta a bibliotecaria Anabel Gavín «o que consiga solucionar o maior número de retos ao finalizar o ano recibirá un agasallo sorpresa«.

Outra das iniciativas de promoción da lectura deseñadas desde a biblioteca consiste en asumir o compromiso de ler ao longo deste ano un total de 14 títulos dos seus fondos que se axusten en cada caso aos seguintes requisitos: un libro que sexa novidade, un libro de non ficción, algunha obra que recibise un premio literario galego, un libro de autoría feminina, un libro dun escritor ou escritora premiada nos últimos 15 anos, un libro de poesía, un álbum ilustrado ou novela gráfica, un clásico, o libro favorito dalgún parente ou amizade, unha obra dun autor ou autora non occidental, un libro relacionado con San Sadurniño ou a comarca, un libro adaptado ao cine, un libro con protagonista feminina e, si ou si, algunha obra de María Victoria Moreno Vázquez, a autora á que se lle adican este ano as Letras Galegas.

Este mesmo reto tamén se lle lanza á rapazada, aínda que só deberá ler 12 títulos que cumpran algunha das seguintes condicións: un libro que entrase como novidade nos fondos da biblioteca, un libro sobre dinosauros, un libro de medo, un cómic ou álbum ilustrado, un libro protagonizado por un animal, un libro de aventuras, unha obra que levase algún premio infantil en galego, un libro con premio literario infantil noutras lingua, un conto clásico, un libro de poesía, un libro de fantasía e unha obra de ciencias.

«O obxetivo é disfrutar lendo e facelo o máis variado posible«, comenta Anabel Gavín. A bibliotecaria engade que desde o seu departamento se ofrecerá unha variada selección de títulos «para axudar a escoller unha lectura para cada unha das propostas suxeridas«. Ademais, tanto no apartado de persoas adultas como no de infantil, quen cumpra o reto lector tamén recibirá un agasallo sorpresa a final de ano.

Club de lectura e obradoiro de dramatización

A Biblioteca Municipal reedita este ano o seu exitoso club de lectura para persoas adultas. «Un club de lectura é un grupo de persoas que len ao mesmo tempo un libro que a biblioteca lle proporciona. Non tes que ser un experto lector: os clubs están pensados para persoas con inquedanzas culturais, gana de ler, facer amigos e intercambiar opinións con outras persoas. En realidade, o libro é só o punto de partida.«, explica Gavín.

Unha vez ao mes aproximadamente, as persoas do club de lectura reúnense para comentar a obra e, segundo Anabel Gavín «polo xeral as opinións dos membros do grupo enriquecen moito a impresión inicial que cadaquén saca lendo en solitario«.

Para entrar formar parte do club de lectura de San Sadurniño só hai que pasar polo primeiro andar da Casa da Cultura de luns a venres en horario de 15 a 21.00h., ou ben contactar coa biblioteca a través da páxina en Facebook Lendo en San Sadurniño. Os días e horarios dos encontros fixaranos as persoas inscritas.

No caso das lectoras e lectores miúdos, a Biblioteca Municipal tamén oferta un obradoiro de Teatro lido que consistirá na lectura dramatizada de textos teatrais. Esta actividade vai dirixida a rapazada de 10 a 11 anos e está concibida como un xogo co que explorar a expresividade. «Os pequenos atopan un pracer especial no xogo teatral, onde a narrativa oral opera como un vehículo de emocións: esperta a súa sensibilidade e conduce a súa imaxinación a través do xesto e a dramatización da palabra«.

Para este obradoiro ofértanse 7 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Terá lugar na propia biblioteca cada quince días e cada sesión durará arredor dunha hora. As datas e o horario estableceranse en función da dispoñibilidade dos nenos e nenas participantes.

Lea también

MIRALLAS presenta no CIRS de Cervás, Ares «elas pintan moito» no marco do 25N

Este sábado día 23, o grupo MIGALLAS porá en escea o espectáculo “ELAS PINTAN MOITO”; …