Os Grupos Municipais de Ferrol en Común, PSdG-PSOE e BNG presentan no Pleno da Corporación Municipal a moción en defensa dun transporte público, digno e eficiente.
«O transporte público e colectivo constitúe un servizo esencial para vertebrar a nosa comarca e o conxunto do país. Desempeña un papel fundamental ao garantir o dereito á mobilidade de toda a cidadanía —especialmente nas áreas rurais e de difícil comunicación— e ao fomentar unha alternativa sustentáble que reduce o uso do vehículo privado, as emisións contaminantes, os colapsos circulatorios e a sinistralidade nas estradas».
«Con todo, a posta en marcha do actual plan de transporte de Galicia e a adxudicación do novo contrato están a deixar na nosa comarca unha situación totalmente insostible, cualificada polos colectivos sociais como deplorable, colapsada e caótica».
«A veciñanza padece habitualmente graves incidencias caracterizadas pola saturación de pasaxeiros, autobuses completos que circulan desbordados —con menores viaxando de pé e graves carencias en materia de seguridade—, pasaxeiros tirados nas paradas, retrasos continuados, averías recurrentes, falta de frecuencias e a eliminación ou recorte de horarios, itinerarios e paradas».
«Esta crise crónica, agudizada co inicio do curso académico, xerou unha onda de indignación social que motivou a convocatoria de concentracións de protesta fronte ao edificio administrativos´da Xunta de Galicia para esixir solucións inmediatas ante a pasividade intolerable das administracións competentes».
«Mentres a cidadanía se mobiliza na rúa reclamando unha investigación oficial e un servizo digno, a Xunta de Galicia incumpre de xeito sistemático as súas obrigas como responsable da adxudicación e garante do servizo, ignorando ademais os obxectivos dos convenios de colaboración e as importantes achegas económicas que os concellos achegan para o desenvolvemento do transporte metropolitano».
«Da mesma maneira, recrimínase a pasividade do goberno local de Ferrol, que amosa unha falla de resposta inaceptáble ante a degradación dun servizo básico para a nosa veciñanza».Por todo o exposto, os citados grupos municipais solicitan do Pleno do Concello de Ferrol a adopción dos seguintes ACORDOS:
1. «O Pleno do Concello de Ferrol esixe á Xunta de Galicia unha investigación oficial urxente sobre o colapso e as múltiples incidencias do servizo de transporte interurbano na comarca, reclamando ademais unha solución definitiva que inclúa o incremento, reforzo e adaptación efectiva dos servizos e frecuencias nas franxas horarias de maior demanda para garantir a seguridade e as necesidades laborais, académicas e asistenciais da veciñanza».
2. «O Pleno acorda suspender o aboamento á Xunta de Galicia dos importes económicos correspondentes ao convenio de transporte metropolitano, retendo e condicionando ditos pagamentos mentres a administración autonómica non cumpra estritamente coas súas obrigas e garanta un servizo en condicións óptimas e dignas para a comarca. Asemade instamos á Xunta de Galicia á modificación do contrato actual ou no seu defecto á licitación dun contrato complementario que permita introducir todas as melloras necesarias que axuste o servizo as necesidades actuais».
3. «O Pleno insta ao goberno local a abandonar a súa pasividade liderando a defensa firme do transporte público, o cal inclúe esixir a titularidade e os recursos axeitados para a xestión óptima do transporte urbano, mediante a creación da Empresa Municipal de Transporte, así como estudar e impulsar a creación de mecanismos e servizos complementarios que reforcen as liñas actuais e dean resposta á mobilidade de todo o municipio e da súa área de influencia».
4. «Instar ao goberno local a que faga os controis necesarios a través da Policía Local que garantan o cumprimento do Regulamento Xeral de circulación».
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
