As actuacións levadas a cabo responden á petición cursada pola AVV de San Pablo tras anos de falta de mantemento nas árbores desta zona.
O concelleiro de Servizos de Ferrol, José Tomé, informou dos traballos de poda e mantemento realizados no parque de A Valenta, no barrio de San Pablo, a través do servizo municipal de conservación de zonas verdes, parques e xardíns.
As actuacións responden á petición trasladada ao Concello pola Asociación Veciñal de San Pablo, que puxo de manifesto a necesidade de realizar traballos de mantemento nas árbores deste espazo, tras anos sen cometerse.
Tras unha inspección visual dos exemplares arbóreos, principalmente das especies forestais Pinus radiata e Eucalyptus globulus, determinouse a necesidade de realizar diferentes labores de poda orientados tanto á conservación das árbores como á prevención de posibles molestias ou riscos para as parcelas e propiedades lindeiras.
En concreto, procedeuse á retirada das ramas que sobresaían considerablemente sobre a parcela adxacente, evitando así posibles afeccións aos veciños. Tamén se levaron a cabo traballos de limpeza da copa, coa eliminación de ramas secas presentes no interior dos exemplares de Pinus radiata, xeradas de maneira natural. Así mesmo, os traballos incluíron a eliminación de ramas afectadas por resinose en varios exemplares de Pinus radiata, co obxectivo de contribuír ao seu adecuado estado de conservación.
Dentro da actuación tamén se realizou o apeo de dous exemplares arbóreos secos, un Pinus radiata e un Quercus rubra, ao considerar necesario proceder á súa retirada.
Tomé recordou que “este tipo de actuacións forman parte dos labores de conservación e mantemento que se desenvolven nos espazos verdes municipais, atendendo tamén ás demandas trasladadas polas asociacións veciñais para mellorar o estado e a seguridade das zonas verdes da cidade”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


