Obradoiros, xogos, música, teatro e deporte centran as actividades da programación de Nadal en Narón

Instante do Depornadal – Concello de Narón

As actividades do programa Nadal en Narón continúan desenvolvéndose esta semana en varios espazos da cidade. Na xornada de hoxe impártese un obradoiro artístico para nenas e nenos de 3 a 12 anos na Ludoteca municipal da Solaina -10.00 a 13.00 horas- e tamén se inician na Aula Cemit de Xuvia o programa Informática Divertida (INDI), no que participan rapazas e rapaces de 8 a 12 anos -10.00 a 13.30-. As propostas desta mañá tamén inclúen a continuidade do programa DeporNadal, con Balonmán e Natación no pavillón polideportivo da Gándara –entre as 10.00 e as 13.00-. Iniciou esta mañá as súas viaxes pola estrada de Castela o Navitren –suspendidas onte pola alerta laranxa- que sae das inmediacións da parada de bus localizada xunto ao Concello ata Xuvia e volta de novo a ese punto tras realizar unha viaxe ata a Ponte das Cabras –operativo de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00-. Os tíckets para viaxar poden adquirirse no propio tren (ao inicio da ruta), a un prezo dun euro, pero entréganse de balde nos establecementos adheridos á campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”.

Así mesmo, esta tarde continuarán as sesións do programa Prazas Vivas, nesta ocasión nas instalacións do Centro Cívico Social de San Xiao, donde habera obradoiros de grafitti, baile, chapas, globoflexia e moitas outras propostas, todas elas de balde –de 16.30 a 18.30-. Na Praza de Galicia –de 16.30 a 19.30- continuará o Nadal Máxico. O Nadal na rúa!, con xogos e obradoiros creativos, e sesións de animación.

Na xornada de mañá xoves a oferta de actividades inclúe Contacontos na Ludoteca municipal da Solaina –de 10.00 a 13.00- e tamén a continuidade dos programas INDI e DeporNadal, neste último caso con sesións de Xadrez no local social do Alto. Os Obradoiros de Nadal continuarán –a partir das 11.00- na Biblioteca Municipal, coa proposta “Música no corpo”, para nenas e nenos de 3 a 6 anos e para a que está aberto o prazo de inscrición (no propio centro ou chamando ao 981 382 173). Terán continuidade tamén as actividades do programa Nadal Máxico. O Nadal na rúa! e as viaxes do Navitren pola estrada de Castela.

O venres día 29 a Ludoteca municipal acollerá unha Festa de Fin de Ano –de 10.00 a 13.00- e o pavillón da Mocidade, na Gándara, unha nova actividade de DeporNadal, Tiro con Arco –de 10.00 a 13.00-. Na Aula Cemit seguirán as sesións do programa municipal INDI; os Obradoiros infantís de Nadal na Biblioteca municipal, nesta ocasión “Somos artistas”, para nenas e nenos a partir de 4 anos e co período de inscrición aberto a partir de mañá ás 16.00 horas –o taller comezará ás 11.00- e as viaxes do Navitren, así como o programa Nadal Máxico. O Nadal na rúa!. Xa pola noite, ás 20.30 horas, terá lugar no Pazo da Cultura o tradicional Concerto de Fin de Ano que protagonizan a Banda Infantil e a Xove Banda de Narón, da Agrupación Cultural Musical Sementeira. As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo e teñen un prezo de dous euros.

Entre as propostas para o sábado están o programa Prazas Vivas, nesta ocasión nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” de Pedroso –de 16.30 a 18.30-; o Nadal Máxico. O Nadal na rúa! na Praza de Galicia -16.30 a 19.30- e o espectáculo teatral “A canción do elefante” no Pazo da Cultura, a partir das 20.00 horas. As entradas para este último teñen un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para o resto.

E para pechar a programación desta semana, o domingo pola tarde continuarán as actividades do Nadal Máxico. O Nadal na rúa! na Praza de Galicia -16.30 a 19.30- e pola noite, tralas badaladas, sobre a 01.00 da madrugada, dará comezo unha sesión de fogos de artificio e, a continuación, baixo unha carpa na Praza de Galicia a tradicional Festa de Fin de Ano, coa actuación de dous DJ´s –haberá dous escenarios- e da orquesta New York. A entrada é de balde.

Lea también

Os locais de hostalería e restauración pódense inscribir na Ruta degustación da tarta de Narón

A concellería de Promoción Económica, dirixida pola edil Olga Ameneiro, impulsará unha Ruta degustación da …