A alcaldesa de Narón e a edil de Igualdade presentaron o programa de actos para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio, presentaron na mañá deste luns os actos programados con motivo do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero.

A rexedora local recordou que na primeira xornada, o vindeiro venres día 24, haberá unha concentración ás 12.00 horas diante da Casa do Concello, na que pode participar ademáis do persoal municipal toda a cidadanía que o desexe, e para a que se pide asistir vestidos con prendas de vestir de cor negro. A alcaldesa será a encargada de iniciar a lectura do manifesto da campaña “En Negro contra as violencias” e tamén lerán unha parte a edil de Igualdade e outros concelleiros da corporación local naronesa. Esta proposta enmárcase na campaña “Narón en Negro contra as violencias”, e desenvolverase simultáneamente en varios municipios galegos e tres Deputacións –Coruña, Lugo e Pontevedra- no marco da iniciativa “En Negro contra as violencias”, impulsada desde o Concello de Santiago de Compostela. “A corporación local aprobou por unanimidade nun pleno celebrado a principios deste mes adherirse a esta campaña e hai tan só unha semana desprazámonos a Compostela para asinar este protocolo, defendendo así os obxectivos do mesmo e impulsando accións conxuntas entre administracións e outras entidades, así como coa cidadanía en xeral, para erradicar a violencia de xénero”, subliñou Ferreiro.

As actividades programadas desde o Concello co gallo do 25-N continuarán desenvolvéndose o luns 27 de novembro, xornada na que terá lugar ás 12.00 unha ofrenda floral na Praza da Gándara, diante do Monumento á Muller alí ubicado. Poderá participar toda a cidadanía que o desexe, entregándoselle flores –ata esgotar existencias- para que as coloquen xunto ao citado monumento. Esta convocatoria, tal e como indicou a edil de Igualdade, realízase en colaboración coas entidades do Consello Sectorial de Igualdade. Tamén na praza se lerá novamente, nesta ocasión a edil Teresa Sabio, o manifesto da campaña “En Negro contra as violencias”.

martes día 28, ás 18.00 horas haberá un novo acto, nesta ocasión nas instalacións do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros. A edil Teresa Sabio e a psicóloga que atende o Servizo de Atención Psicolóxica no Concello para as vítimas da violencia de xénero falarán sobre este servizo, un cos que conta o Concello de Narón para atender ás persoas afectadas por esta lacra social, tal e como recordou Sabio. O acto é aberto á participación da cidadanía en xeral.

Por último, entre o 27 de novembro e o 15 de decembro poderase ver no Pazo unha Exposición artística contra a violencia de xénero realizada por alumnado de Artes gráficas do IES Leixa, de Ferrol. A mostra consta dun total de doce paneis, con imaxes e frases sobre diferentes manifestacións de violencia: sexual, psíquica, física, económica, etc. Así mesmo, o alumnado realizou un vídeo que tamén poderá verse nesta exposición.

A concelleira de Igualdade explicou que o Concello repartiu material da campaña “En Negro contra as violencias” en formato dixital ao Centro Comercial Odeón, nos tres centros de saúde da localidade, no Centro Comercial Narón; á Asociación de Comerciantes de Narón; ao Servizo de Deportes de Narón; ao Padroado da Cultura; aos dous Centros Comunitarios; aos Centros Cívicos Sociais dos barrios da zona urbana e rural; á Casa da Mocidade; ao Centro Municipal de Formación; á Biblioteca e ludoteca municipais, e aos catorce centros educativos e dous IES da cidade. Parte deste material pode verse no exterior de instalacións como a propia Casa do Concello –unha pancarta sobre a campaña na porta principal-, o Auditorio municipal ou o Pazo da Cultura, entre outros, e pode tamén descargarse desde a páxina web do Concello de Narón –www.naron.es-, a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/naron-en-negro. Sabio apuntou ademais que a campaña “En Negro contra as violencias” anima á cidadanía a colaborar pendurando das ventás e balcóns prendas de cor negro, ou a citada cartelería da campaña, en sinal de repulsa á violencia de xénero.

A alcaldesa de Narón animou á veciñanza a participar nos diferentes actos programados con motivo do 25-N, ao igual que a edil de Igualdade. “A violencia de xénero é unha das lacras sociais que máis afectan á nosa sociedade e que xera centos de mortes ao ano”, apuntou Ferreiro, que destacou o feito de que “no Concello disponemos de varios recursos destinados ás persoas afectadas e tamén traballamos na erradicación da violencia desde as aulas, con programación específica dirixida ao alumnado, porque a formación e o traballo na prevención son imprescindibles para poder acabar con calquera tipo de manifestación de violencia”

Lea también

BNG exixe ao Goberno respectar as adxudicacións das vivendas da SAREB en Narón

Néstor Rego demanda transparencia e solucións inmediatas para as persoas que levan máis de ano …

Un comentario

  1. Narón lleno de ratas y éstas pendientes de fotos