Unha exposición de pintura humaniza a hospitalización de paliativos do CHUF

(Hospital Naval)

Unha exposición de pintura con diversos formatos e técnicas “dálle unha nota de cor e vida” á área de Hospitalización de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O facultativo responsable da Unidade, Marcelino Mosquera Pena; e a supervisora de Enfermaría, Flor López Aneiros, quérense sumar así ó Día Mundial dos Coidados Paliativos que se celebra hoxe. Trátase de humanizar este espazo, e ten como valor engadido que as 15 pinturas de temática variada que colgan polas paredes dos corredores principais foron realizadas polos compañeiros e compañeiras que acoden ás aulas de Pintura da área sanitaria ferrolá.

A Unidade de Coidados Paliativos emprázase no primeiro andar do bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario. Consta de 10 camas, en cuartos individuais, habilitadas con sofá cama e baño asistido. Son un total de 940 metros cadrados de superficie total, distribuídos de xeito que os servizos xerais quedan na parte central e as habitacións abertas ás fachadas, incrementando a comodidade tanto para pacientes e familiares, como para os propios profesionais.

Prioridade, coidados e calidade de vida

As Unidades de Coidados Paliativos son os dispositivos que se encargan de prestar os coidados paliativos en pacientes con enfermidades oncolóxicas e outras de carácter progresivo, e cun estadio avanzado, nas que a prioridade é proporcionar coidados físicos, psíquicos e sociais ó paciente e á súa familia. Trátase de procurar en todo momento a equidade na prestación dos servizos; a mellora na accesibilidade ós mesmos; unha atención interdisciplinar; e o respecto escrupuloso á autonomía e á dignidade das persoas.

A Unidade de Coidados Paliativos funciona na área sanitaria ferrolá dende o ano 2005. Inicia a súa actividade co obxectivo de facer unha abordaxe integral ós pacientes cunha enfermidade avanzada e buscar o seu benestar. Forman parte dela un facultativo, unha supervisora de Enfermería; e once profesionais de Enfermaría. Un equipo multidisciplinar no que tamén se inclúe un traballador social, psicólogo e farmacéutica completan a atención neste eido.

Consulta de Coidados Paliativos

No ámbito da hospitalización, prodúcense en torno a 350 ingresos ó ano (357, no ano 2016; e 253, no que vai de ano). E conta tamén cunha Consulta de Coidados Paliativos que “facilita ó paciente o contacto coa Unidade”. Esta consulta amplía o campo de acción a aqueles pacientes que poden aínda vivir no seu domicilio e desprazarse ata o hospital. Prodúcese tódolos días de luns a venres, e existe un número de atención telefónica co que contactar se é necesario. Realizáronse un total de 608 consultas no que vai de ano, das que 135 foron primeiras consultas e 473 sucesivas. O ano anterior, 2016, facíanse un total de 933.

Nalgúns casos, cando a doenza progresa, poden ser tratados pola Unidade de Hospitalización a Domicilio, posto que todo esta interrelacionado como unidade funcional. Cada vez fanse máis ingresos e máis altas para a casa, xa que “estar na casa segue a ser a prioridade”, explica Flor López Aneiros. “Tratase de ofrecer calidade de vida; e sempre adaptándose ó desexo e decisión do paciente e da súa familia; ó que cada un considera a súa propia calidade de vida”, enfatiza. “E trabállase estreitamente co coidador”, subliña.

O perfil de paciente ten variado considerablemente e agora vense pacientes dende os 18 anos ata os 90. Chegan derivados de calquera das especialidades, cirurxía, uroloxía, neuroloxía, oncoloxía, ou medicina interna, entre outras. “Estas unidades naceron da man da oncoloxía, pero agora cada vez vemos máis enfermo crónico. Por cada paciente oncolóxico hai catro doutras especialidades”, explica Marcelino Mosquera. E engade, “a cronificación das enfermidades implica cada vez maior atención non oncolóxica nesta Unidade”, e procúrase a multidisciplinariedade en torno ó paciente crónico, o Hospital de Día, e a Hospitalización a Domicilio. “O importante é calidade de vida”, coinciden.

Entre as novidades da Unidade figura a introdución do duelo como un peche do proceso da atención paliativa. Existe un equipo para axuda da familia. Xunto con isto, para estes profesionais é moi importante tamén que os e as profesionais doutros servizos e especialidades coñezan as bases dos coidados paliativos, polo que se fan sesións e talleres con este obxectivo, indica Flor López. De feito, estanse dando os pasos necesarios para a instauración do único máster en Galicia en enfermería paliativa, no que o obxectivo é a preparación da Enfermaría nesta ámbito do coidado paliativo, tanto no hospital como no centro de saúde. A estes proxectos engádese o proxecto Palineuro, en desenvolvemento, e que se centra na atención á Enfermidade do Párkinson ou de ELA.

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …