A CIG non asinará o convenio de siderometalurxia da provincia da Coruña. Sinala traizón por parte da UXT e CC.OO.

 

Fot. Galicia Ártabra

A CIG-Industria non vai asinar o convenio de siderometalurxia da provincia da Coruña, xa que o preacordo acadado o pasado venres polos sindicatos UGT e CCOO e a patronal «está moi lonxe dos obxectivos que nos levaron á folga«. Unha decisión que foi ratificada por ampla maioría nas asembleas de traballadores e traballadoras que a central nacionalista convocou esta semana na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

«Este preacordo supón unha traizón por parte de UXT e CCOO a todos os traballadores e traballadoras do metal, racha coa plataforma sindical conxunta e tamén coa dinámica de mobilizacións e folgas iniciada polo sector, por primeira vez despois de 25 anos.

Resulta vergoñenta a pantomima na que se asina o documento, no marco dunha convocatoria de folga, desta vez indefinida e acordada de xeito unilateral por ambos sindicatos estatais. Unha convocatoria que, todo indica, nunca tiveron intención de facer efectiva, como tampouco aceptaron a proposta da CIG para recuperar a unidade de acción e sacar adiante un convenio digno», sinala a CIG

Para a Federación de Industria «resulta especialmente grave que UGT e CCOO aceptaran frear en seco a dinámica reivindicativa xerada no sector para ceder na sinatura dun acordo que non mellora as propostas xa postas enriba da mesa pola patronal, logo de sete xornadas de folganas que o persoal demostrou que sabe o que precisa e que sabe que só coa mobilización e a presión se logran avances.

Coa sinatura do preacordo, estáselle a roubar a todos os traballadores e traballadoras a oportunidade de mellorar as súas condicións de traballo e de vida».

Un convenio eivado

Dende o primeiro momento, a CIG defendeu que a negociación deste convenio tiña que servir para combater a precarización do sector e avanzar en asuntos de gran calado: eliminación da cláusula que permite a contratación a través de ETTs nos «períodos punta»; complementos salariais para o persoal desprazado e para o afectado a gardas e reténs; control das mutuas; subrogación para as empresas de mantemento no sector enerxético, de telecomunicacións e industrial; legalizar os acordos das auxiliares de Navantia; ou recuperar a revisión salarial que existía previamente no convenio.

«Porén- sinala a CIG nun comunicado-atopámonos con que no preacordo asinado nada se di da eliminación ou a limitación da contratación a través de ETTs e a subrogación só se contempla nas empresas de mantemento que traballen para entidades públicas, ficando fóra deste dereito o persoal doutros sectores. Tampouco se avanza nada no poder de veto sobre as mutuas para os representantes do persoal nas empresas, nin na incorporación dos acordos da industria auxiliar de Navantia no articulado do convenio.

Créanse pola contra, comisións que se encargarán de estudar a ampliación da subrogación a outros sectores, así como de analizar os acordos da industria auxiliar. Comisións que na práctica carecen de contido e valor real e que están deseñadas para autoxustificar as cesións na plataforma reivindicativa. Do mesmo xeito, as mutuas seguirán tendo liberdade de acción, xa que o único que se recolle no texto asinado e que a comisión paritaria do convenio realizará unha «análise global da eficiencia do colectivo de mutuas», que poderá recoller as queixa e trasladalas ás mutuas. Que é como dicir nada».

Non se recupera a revisión salarial

En canto á cuestión económica, «non se recupera a revisión salarial dos anos 2015 e 2016, que se substitúe por unha paga «de premio pola sinatura do convenio», aínda que non se clarifica como se vai pagar nin a que persoal, pois só a percibirán aquelas persoas que estean dadas de alta na empresa a data da sinatura do convenio.  Non se contempla tampouco o complemento salarial para o persoal desprazado.

Xunto a isto, UGT e CCOO aceptan alongar a vixencia do convenio até os cinco anos (2015-2019). Unha medida que a CIG entende que vai destinada a apagar o sector e evitar que se manteñan as reivindicacións.

Lamentabelmente, unha vez máis, a CIG amósase como a única garantía de que as cuestións esenciais estean nas mesas de negociación e de que se defendan con decisión, honestidade e lealdade até o final.»

 

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …