A plataforma pola remunicipalización exixe ao goberno local o rescate do servizo da auga e entregue a xestión da depuradora á Xunta de Galicia

«A «Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos , pola Remunicipalización» exixe ao goberno municipal que inicie o proceso de rescate da xestión do servizo da auga, denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión da depuradora á Xunta de Galicia, ata que se cre un sistema supramunicipal de xestión, devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado» sinala nun comunicado.

Ante a situación actual do servizo público de saneamento de Ferrol e logo da decisión do goberno municipal de formar unha comisión de control e seguimento de gastos de obras e traballos levados a cabo por EMAFESA, esta plataforma veciñal remitiu un comunicado dirixido á cidadanía de Ferrol no que sinala que

 Se xustifican os dereitos de EMAFESA

«1) A Acta da Xunta de goberno  do día 21 de agosto de 2017[, inclúe, no seu punto 3, un informe da Intervención sobre o servizo de saneamento, no cal dá por feito a lexitimidade de EMAFESA para executar a xestión deste servizo. Rexeitamos de plano esta postura por non cumprir coa lexislación ao respecto e porque se soporta nunha cadea de encomendas de xestión irregulares (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil – Augas de Galicia – Concello de Ferrol) cuxo único obxectivo foi poñer en mans de EMAFESA este servizo. Unha estratexia montada, que resultará moi prexudicial para os abonados de Ferrol e Narón e que denunciaremos aos órganos institucionais que correspondan. 

2) Aparentemente nesta Acta  a Intervención municipal xustifica o dereito de EMAFESA a realizar de forma directa (sen concurso público) os traballos de ultimación e/ou reformas do sistema de saneamento, así como a explotación da EDAR en base á Cláusula Vixésimo Primeira do Contrato de Abastecemento e Sumidoiros na que se inclúe a posibilidade de modificacións indeterminadas no futuro, como a mencionada “planta EDAR de Ferrol”. Neste sentido, denunciamos esta estratexia en base ao seguinte:
a) A citada cláusula considerámola apócrifa ao non axustarse nin ao ordenamento xurídico español nin ao da UE. 

b) A planta EDAR de Cabo Prioriño é propiedade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) e a súa xestión foi delegada á Xunta de Galicia a través do seu ente Augas de Galicia, polo que non pertence ao Concello de Ferrol. Tampouco esta planta é de uso exclusivo deste Concello, pois as augas residuais de Narón están xa sendo enviadas, e as de Neda serán enviadas no futuro próximo a depurar a esta EDAR. Polo tanto, a “asignación” directa de EMAFESA, para xestionar a súa explotación, carece de soporte legal e contractual»

O acordo carece de validez

3) Polo anterior, o Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e a empresa mixta EMAFESA, realizado polo anterior Goberno Municipal de Ferrol, en xuño de 2014, (xa expirado) carece de validez algunha, pois este servizo público debería ser xestionado segundo a Lei 3/2011 sobre os Contratos do Sector Público, tal como se anuncia agora que se vai facer (mediante licitación pública), cun alcance supramunicipal  que abarcará toda a Ría de Ferrol.

4) O contido das “encomendas de xestión encadeadas” e citadas en 1), non só inclúen a explotación da EDAR senón que tamén inclúen a obriga do Concello de Ferrol, de realizar e soportar o custo, de unha serie de traballos e obras indeterminadas que deberían ter sido executadas polos diferentes subcontratistas, ou por quen se comprometeu na primeira encomenda de xestión, e dicir, Augas de Galicia. Ata a data, o valor total das facturas emitidas por EMAFESA por este concepto, alcanza un total superior aos 5 millóns de euros.

A taxa de saneamento

5) Consideramos que a taxa de saneamento proposta en varios plenos, elaborada por EMAFESA, está moi sobredimensionada en conceptos como: caudais de augas residuais e pluviais, potencia eléctrica contratada e enerxía consumida. E así o denunciamos repetidamente ao propio Concello e medios de comunicación. A pasividade do actual goberno municipal neste tema e a insistente proposta de aprobación da taxa, reflicte, implicitamente, unha aceptación da estratexia de EMAFESA, tan común nas empresas mixtas, para asentarse como “xestor interno” das infraestruturas, sen control nin dirección por parte dos Concellos.

6) Esta apreciación nosa sobre as empresas mixtas evidenciase no citado Protocolo de Execución Concertada entre o Concello e EMAFESA, ao nomear a esta última (Cláusula Quinta), como representante formal no futuro órgano supramunicipal , para “asumir as obrigacións e dereitos do Concello de Ferrol” para a xestión da explotación do sistema de saneamento de augas residuais de toda a Ría de Ferrol.

Factura por un servizo non realizado

7) Denunciamos tamén que EMAFESA emitira, a principios de 2015, unha factura polo servizo de saneamento que cubría os catro últimos meses do 2014, sen que o servizo fose realizado (Entre outras irregularidades). Este “descoido” de EMAFESA e do anterior goberno municipal de Rey Varela, xerou unha protesta da cidadanía e máis de 2.500 recursos contra o cobro deste recibo, que obrigou ao novo goberno municipal a propoñer a suspensión e máis tarde a derrogación da taxa, acordadas en Pleno (en total EMAFESA ingresou indebidamente uns 800.000 euros e que non devolveu). Si EMAFESA seguise facturando este servizo houbese embolsado ata a data uns 7 millóns de euros (sen contar a suma aportada polas abonadas de Narón).

8) A xestión de EMAFESA así como o seu cumprimento contractual, valorámola como moi negativa e cuestionamos que cumpran os requisitos establecidos nos pliegos de condicións da licitación.

Ademais EMAFESA mantén unha actitude de prepotencia e actúa como un “xestor interno” do Concello de Ferrol, o cal “déixalle facer”, sen control nin participación directa na xestión malia ser socio maioritario da empresa mixta. En concreto sinalamos:

– Actas do Consello de Administración sen aceptar e asinar.
– Balances económicos dos tres últimos anos sen aceptar e asinar.
– Medicións ficticias (chámanlles “estimativas”) abusivas dos contadores as cales xeran multitudes de queixas.
– Emisión de facturas moi irregulares e ilóxicas (de ata 4.000 euros) segundo noticias dos medios de comunicación.
– Asignación de tipos de tarifas en base a documentos e criterios “internos” non aceptados en plenos municipais nin na Ordenanza.
– Connivencia ou inacción de altos funcionarios e concelleiros.
– Anuncio público de concurso de acredores por parte de EMAFESA.
– Impagos á Xunta e Concello de Ferrol dos canons correspondentes.
– Crise dos trihalometanos».

Proceso de recuperación

A Plataforma reitera as súas demandas e reivindicacións e exixe ao goberno municipal que «ante os continuos incumprimentos por parte da empresa mixta EMAFESA, e ante as irregularidades no corpo contractual, inicie o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015; denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsable -a Xunta de Galicia, ata que se cre un sistema supramunicipal de xestión, como así está establecido; devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado» .

Lea también

Detenido en Canido uno de los principales proveedores de droga a Ferrol, con 3,5 kilos de cocaina

La Policía Nacional detuvo a un hombre en Ferrol como presunto autor de un delito …