Algo máis de seiscentas persoas, entre afiliados e simpatizantes, participarán o vindeiro domingo, día 10, na tradicional Festa do Río organizada por Terra Galega. A cita será un ano máis na zona da área recreativa de Pedroso, e consistirá nunha xornada de confraternidade na que José Manuel Blanco, alcalde de Narón, participará por último ano como rexedor local da cidade, xa que este mesmo mes de setembro renunciará ao cargo para xubilarse. A convocatoria dará comezo ás 13.00 horas cunha sesión vermú e sobre as 14.00 horas tomarán a palabra o Secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo; o alcalde naronés, José Manuel Blanco, e a portavoz de TEGA no Concello e primeira tenente de alcalde, Marián Ferreiro.
Ás 14.30 horas será o momento da comida de confraternidade, que terá lugar baixo unha gran carpa instalada en Pedroso para a ocasión e a continuación os asistentes terán a oportunidade de participar en varias actividades lúdicas na zona, tanto os nenos e nenas como os maiores. Pola tarde tamén haberá música, para amenizar esta nova edición da Festa do Río.
O Secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, agradece de antemán o respaldo de todas as persoas que asistirán este ano á convocatoria, “porque para Terra Galega o máis importante é estar en todo momento do lado das veciñas e dos veciños, de toda esa xente coa que día a día traballamos conxuntamente para, entre todos, contribuír a mellorar o concello”. Sánchez Fojo valora tamén o apoio que a formación tivo en Narón desde o ano da súa constitución -en 2007- por parte da veciñanza, “que confiou maioritariamente no equipo de TEGA, un grupo de homes e mulleres que coñecen o concello e que aposta polo futuro desta oitava cidade de Galicia”.
As persoas interesadas en asistir este domingo á Festa do Río de TEGA poden aínda adquirir os últimos tíckets dispoñibles para asistir á comida na oficina municipal de Terra Galega, no entrechán do Concello, tal e como se recordou desde a formación.