Narón abrirá o mércores o prazo de solicitude dos cursos de “Ofimática” e “Márketing en liña. Deseña e promociona a túa web”

A Concellería de Formación e Novas Tecnoloxías, dirixida pola edil Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo para solicitar dúas accións formativas –nun total de catro convocatorias- do Programa Municipal de Formación 2017. Os cursos diríxense a persoas empadroadas en Narón e maiores de 18 anos. A oferta correspóndese coas accións de “Ofimática” e “Márketing en liña. Deseña e promociona a túa web”, tal e como indicou a edil responsable das citadas áreas. O número máximo é de doce alumnos por cada unha das catro convocatorias, que se desenvolverán na Aula Cemit de Xuvia. O prazo de solicitude abrirá o vindeiro mércores, día 6 de setembro ás 8.30 horas e rematará o 13 deste mes ás 13.00 horas, debendo tramitarse no Rexistro Xeral do Concello e podendo solicitar dous como máximo (indicando a orde de preferencia). Os impresos poden solicitarse no Rexistro ou descargarse da páxina web do Concello: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/accions-formativas-programa-municipal-de-formacion.

O curso de “Ofimática” -para persoas desempregadas- impartirase en dúas quendas, ambas do 18 de setembro ao 30 de novembro pero unha en horario de mañá e outra de tarde, cun total de 200 horas cada unha. Entre os contidos desta acción formativa, o alumnado abordará: Sistema operativo e aplicacións informáticas de tratamento de textos, de follas de cálculo e de bases de datos relacionais, entre outros.

No que respecta ao curso de “Márketing en liña. Promociona a túa web” –dirixido a persoal en activo, de Pemes ou autónomos- explicou que terá lugar do 18 de setembro ao 6 de novembro unha edición e do 19 de setembro ao 28 de novembro a segunda (polas tardes, unha dous días e outra tres á semana) e trátase de convocatorias de 40 horas de duración. Introducción ás TICs e utilización con fins comerciais, marketing dixital e de contidos, páxinas web e publicidade en liña son algúns dos contidos deste curso. Neste caso, tal e como recordou a edil naronesa, recoméndase ao alumnado ter coñecementos a nivel de usuario de Internet (utilización de correo electrónico e de redes Sociais como Facebook ou Google Plus).

A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías asegurou que se trata dunhas accións formativas “nas que o alumnado terá a oportunidade de adquirir unha serie de coñecementos moi útiles e que lles permitirán manexar con habilidade varios programas informáticos moi empregados na actualidade en determinados postos de traballo”. Hermida animou á veciñanza de Narón que cumpre os requisitos a solicitar estas accións formativas, destacando o importante esforzo que se realiza ano tras ano desde o Concello para manter e ampliar a formación a través deste programa municipal.

As persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario, a través do número de teléfono: 981 337 700 (ext.:1123).

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …