Dende EU Narón aplauden a sentenza que mellora as condicións laborais no sector da axuda domiciliaria a dependentes xestionada por EULEN en Narón. A resolución xudicial obriga á empresa EULEN, concesionaria deste servizo en Narón, a actualizar os salarios do persoal, conxelados desde o 2013.
Abeledo indica que «saudamos a sentenza por ser unha vitoria das traballadoras e traballadores, pero tamén criticamos ao goberno de Narón por permitir que a empresa incumprise as obrigas laborais, posto que entendemos que o Concello debe vixiar e controlar que as empresas concesionarias respecten os pregos de condicións e os dereitos dos traballadores«.
Algo que xa denunciou Abeledo no caso dos traballadores e extraballadores de VILAMIÑO, empresa que traballaba no proxecto do local social de Pedroso, e que non pagaba en tempo e forma aos traballadores, nin sequera os despedidos.
Ou cando dende EU Narón defendían que dende o Concello de Narón debían apoiar ás traballadoras e traballadores da empresa mixta de augas de Narón (COSMA), despois de que as negociacións para a sinatura do convenio colectivo quedasen rotas.
Dende o consistorio «deberíamos facernos responsables da defensa dos dereitos das traballadores e traballadores que manteñen calquera tipo de relación laboral ligada ao Concello de Narón«, afirman en EU Narón.
André Abeledo defende a necesidade de mellorar dun xeito substancial as condicións laborais no servizo de atención domiciliaria (SAD) de Galicia, sector no que a maior parte do persoal son mulleres.
Abeledo denuncia que «este problema non é só de EULEN, senón en xeral do sector de axuda a domicilio, nin se respectan os convenios, nin as xornadas, nin os dereitos das traballadoras, que realizan este duro e estresante traballo por salarios miserentos e en condicións moi precarias e penosas«.