Baloncesto de nivel no Torneo 3×3 de Cabanas

Instante do torneo – Concello de Cabanas

O baloncesto foi protagonista a pasada fin de semana da axenda deportiva da comarca da man do Torneo 3×3 Concello de Cabanas. Un ano máis, e con este van once, os amantes deste deporte tiveron unha cita obrigada no municipio. A cancha do parque do Areal acolleu durante a fin de semana a nova edición desta competición, que conseguiu superar as mellores expectativas de afluencia.

O equipo Los vaqueros, integrado por xogadores do BC Eume como Lois Villar, David López, Rogelio Bandín- que se fixo co trofeo MVP- Pablo Alejo e Antón Amado, proclamouse vencedor por segundo ano consecutivo, ao imporse nunha axustada final ao Venimos en son de paz. Na categoría feminina, Las chonis, con Belén Lanzas, Nerea Nieto, Silvia e Blanca Millán, xogadora esta última que ten sido convocada pola Selección Española, mostraron con claridade a súa superioridade, gañando todos os partidos que disputaron.

Por primeira vez na historia deste torneo, unha xogadora, Nerea Nieto, impúxose no concurso de triples. Finalmente, o concurso 1vs1 non deparou grandes sorpresas, e nel o trunfo foi Mario Castro, favorito dende o comezo.

Un total de 24 equipos participaron este ano na competición que, debido ao mal tempo tivo que celebrar os seus primeiros partidos no pavillón de Pontedeume. Con esta nova edición, o de Cabanas consolídase como o mellor 3×3 de baloncesto de Galicia. A competición, organizada por un grupo de mozos do municipio que comparten a súa afección por este deporte (Jaime García, Tomás Novoa, Pablo Seijas, Miguel Regueiro, Luis Díaz, Pedro Díaz, Alberto Regueiro, Ángel Nael, Íñigo Blanco e Joshua Gallagher) conta coa colaboración do Concello de Cabanas, a través da concellería de Deportes.

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …