O Concello de San Sadurniño denuncia recurtes no servizo postal durante as vacacións

Nova oficiña en San Sadurniño – Concello de San Sadurniño

Varios veciños e veciñas acudiron estes días ao Concello para denunciaren retrasos na entrega de correspondencia por parte de Correos. Unha situación que, segundo parece, se debe a que nestes momentos só están traballando dúas das tres persoas de reparto que atenden todo o territorio municipal. O goberno local corroborou hoxe mesmo este extremo, atribuído a que a sociedade estatal non cubriu as vacacións dunha das carteiras, o que obriga ás outras dúas persoas contratadas a levar correo de recargo a zonas que non son as habituais para elas. Desde o Concello cursarase unha reclamación oficial no sentido de que se cubran as vacantes e que o servizo se preste «con normalidade» tamén durante o verán.

Desde a última reestruturación do servizo de Correos, en San Sadurniño hai tres carteiras titulares que se encargan de atender as sete parroquias do municipio en cadansúa área: Naraío, Igrexafeita e Cornide por unha banda; Ferreira, Lamas e Bardaos por outra e, por último, a zona de reparto de San Sadurniño, Silvalonga e Santa Mariña, que tamén inclúe a apertura pola semana da oficina no Centro Municipal de Empresas entre as 8.30 e as 10.00h.

Outra das novidades da reestruturación foi o traslado de todo o persoal para as oficinas de Narón e As Pontes, que desde hai algo máis dun mes asumiron a xestión do servizo nos municipios de San Sadurniño, Moeche e As Somozas. Unha reconfiguración de carácter interno que, en circunstancias normais, non incide sobre a atención aos usuarios e usuarias, xa que continúan tendo a mesma carteira e unha oficina de proximidade en San Sadurniño para recoller envíos pendentes.

Porén, tal e como explica Secundino García, «durante o mes de agosto Correos deixou sen cubrir as vacacións da titular de Ferreira, Lamas e Bardaos, e son os outros dous carteiros contratados quen se ocupan de facer ese traballo ademais do que xa teñen nas súas zonas de reparto«. O alcalde indica, ademais, que esta situación estaría producindo «retrasos inxustificados» que provocaron varias protestas veciñais: «hoxe mesmo estivo no Concello unha veciña que, segundo asegurou, recolleu na oficina de Narón unha decena de envíos, moitos deles recepcionados por Correos hai días«.

O rexedor local comenta que a sociedade estatal «usa a estratexia de recargar o persoal con traballo» en vez de facer novas contratacións que aseguren «unha correcta prestación do servizo«. «O sistema de cargarlle a valixa aos carteiros co correo dos compañeiros que están de vacacións pode funcionar nas cidades, pero non nun territorio rural con case 100 Km² de extensión, cos núcleos espallados e ducias de pistas. E máis aínda se algunha das persoas contratadas non coñece o territorio nin ten experiencia previa no reparto de carteirías rurais«, precisa Secundino García.

Diante desta situación que, de non cambiar, se prolongará durante todo o mes de agosto, o Concello informou da súa intención de cursar unha reclamación oficial na que se lle esixirá a Correos que o servizo se preste «con normalidade» instando á empresa á cobertura «das vacacións ou baixas que se poidan producir nas tres zonas de reparto do noso territorio«. Segundo apunta o alcalde, a reclamación tamén incluirá a demanda de que se contrate persoal «de inmediato» para solventar os retrasos que aseguran ter sufrido algúns usuarios.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …