O proxecto audiovisual Chanfaina lab abre unha nova convocatoria para a participación veciñal na edición deste ano

Abel Vega no Chanfaina Lab – Concello de San Sadurniño

O Chanfaina Lab volverá ser durante a fin de semana do 2 e 3 setembro o principal referente da creación audiovisual galega. Por cuarta vez daranse cita en San Sadurniño realizadores e realizadoras cun único obxectivo: retratar a esencia do territorio con total liberdade temática e estilística. Porén, un dos principais alicientes do encontro é a participación activa da veciñanza, que pode sumarse a el con pezas propias ou botándolle un cabo a quen vén de fóra coa produción, propoñéndolle historias ou facéndolle de guía por este pequeno universo que é San Sadurniño. Por iso, calquera persoa que queira participar no proxecto pode ir apuntándose xa chamando ao 616 016 793, enviándolle un correo a chanfainalab@gmail.com ou comentándoo coa entidade veciñal da súa parroquia.

O programa do encontro audiovisual aínda non está completamente pechado e, segundo trascendeu, este ano quérese ampliar a parte formativa iniciada na edición de 2016, incluso conectándoa co Sons na Cortiña que, previsiblemente, se celebrará na fin de semana anterior.

O eixo principal continuará sendo o da gravación en tempo récord de pequenas pezas ao respecto de San Sadurniño -a paisaxe, a xente, a historia, etc.-, para o que a Chanfaina Lab se abre a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou implicándose de calquera maneira nas microproducións que se poñan en marcha durante a fin de semana. Así, calquera pode colaborar na localización de escenarios, axudando nas tarefas de produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das historias que xurdan.

Para sumarse ao proxecto non fai falla experiencia previa nin tampouco hai límite de idade. Quen se anime só ten que enviar un correo a chanfainalab@gmail.com, chamar ao 616 016 793 ou contactar coa asociación veciñal da súa parroquia. Outra opción é enviarlle unha mensaxe á páxina en Facebook do proxecto: https://www.facebook.com/chanfainalab/

Na edición de 2016/17, finalizada hai escasas semanas coa publicación de “Ocultas na paisaxe” de Sabela Pernas, producíronse unha vintena de pezas con estilos e duracións moi diversas. Case todas elas poden verse na canle do proxecto en Fálame de San Sadurniño, onde acumulan en conxunto preto de 2.500 visualizacións.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …