Últimos días para adquirir os tíckets para o xantar da “XIX Festa Gastronómica do Pemento do Couto”

As persoas interesadas en asistir ao xantar programado con motivo da “XIX Festa Gastronómica do Pemento do Couto” poden aínda adquirir os tíckets no local social da Picota, no Couto ¬- de luns a domingo desde as 18.00 ata as 23.00 e os sábados e domingos tamén polas mañás, de 11.30 a 14.00 horas-, ou na Cooperativa do Val –na sección de crédito no horario habitual de apertura-. A cita será o vindeiro domingo, día 16, a partir das 14.00 horas e o prezo é de 12 euros por un menú a base de churrasco con pementos do Couto, cachelos, pan, auga, viño e café ó tizón. No caso de bo tempo os comensais xantarán na zona da carballeira localizada nas inmediacións do local social, e se o tempo non acompaña instalarase unha carpa na zona.

A celebración comezará xa o sábado día 15, cun Showcooking a cargo de Lucía Freitas (do Grupo Nove Cociñeiros) que se desenvolverá entre as 19.30 e as 20.30 no local social do Couto. Nesa mesma xornada, a partir das 23.00 horas iluminarase de diferentes cores o exterior do mosteiro do Couto e de 23.00 a 00.30 haberá un concerto –con dous pases- de música de cámara no interior do cenobio, a cargo do grupo Son de Ar. Tamén a última hora, sobre as 00.00, terá lugar unha “performance” con música, iluminación e baile a cargo dunhas fadas.

O domingo día 16 a programación comezará a desenvolverse ás 13.00 horas, coa lectura do pregón, a cargo de Carlos Rodríguez Dacal, doutor en Botánica; ás 13.30 será o xuramento das novas Damas e Cabaleiros da Orde do Pemento do Couto, concedéndose este ano o Pemento de Honra a representantes do Grupo Nove Cociñeiros. Tralo xantar popular, entre as 17.00 e as 19.00 haberá unha visita guiada dramatizada ao mosteiro do Couto, co cabaleiro naronés Froila Bermúdez, que interpretará o guía e actor Suso Martínez. Haberá tamén unha visita guiada dende as inmediacións do local social ata o cenobio do Couto e ás 18.00 horas dará comezo a actuación dun grupo musical.

O Concello de Narón organiza este evento en colaboración coa AVV do Couto, a Cooperativa do Val, e a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. A través do Club Narón Gastronómico tamén se organizou unha cita, o vindeiro venres día 14, para promocionar o pemento do Couto a través dunha comida, este ano no Restaurante Bido (A Coruña) á que asistirán representantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …