Aberto o prazo de inscrición nunha nova acción formativa do programa municipal “Informática Divertida” que se desenvolverá en San Xiao

A Concellería de Novas Tecnoloxías, dirixida pola edil Natalia Hermida, abriu o prazo de inscrición nunha nova acción formativa do programa municipal educativo “INDI-Informática Divertida”. Nesta ocasión, as sesións sobre “Programación e robótica educativa” desenvolveranse no local social de San Xiao o vindeiro mes de xullo e poderán asistir ás mesmas un total de dez persoas. A convocatoria diríxese a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, se ben deberán estar obrigatoriamente empadroados en Narón para poder asistir, tal e como recalcou a concelleira naronesa. As instancias deben entregarse no Rexistro municipal dende o 3 de xullo ás 8.30 ata o vindeiro 7 de xullo ata as 13.00 horas. A listaxe de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello, se ben as admisións comunicaranse tamén por teléfono.

“Iniciación á programación de videoxogos”; “Creación de blogs para nen@s”, “Creación de cómics dixitais” e “Hour of code” son os bloques nos que se divide esta acción formativa, que terá lugar do 10 ao 31 de xullo en San Xiao, en horario de 10.00 a 13.30 de luns a venres. Os interesados en inscribirse deben cumplimentar unha instancia que poden solicitar no Rexistro municipal ou descargar da páxina web do Concello de Narón, no enlace: http://www.naron.es/web/docs/INDI/Solicitude-INDI-San-Xiao.pdf.

A edil de Novas Tecnoloxías destacou o éxito que esta acción formativa tivo en anteriores edicións convocadas tanto na zona urbana –Aula Cemit- como nas parroquias do rural, e animou aos destinatarios desta proposta municipal a anotarse para iniciarse no mundo dos videoxogos, blogs e a robótica, entre outras posibilidades.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …