O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Acción Social, Catalina García, entregaron esta mañá no Concello os diplomas a 36 alumnas e alumnos de accións formativas en Autoemprego e para a obtención de Educación Secundaria de Adultos e Competencias Clave. Estas sesións enmárcanse no Programa de desenvolvemento integral do colectivo xitano, cofinanciado no municipio pola Dirección Xeral de Inclusión Social, da Consellería de Política Social, o Concello de Narón e o Fondo Social Europeo no período 2015-2017. No mesmo programa inclúense accións sobre Habilidades Sociais –con edicións en San Mateo e San Xiao-; Apoio educativo; Pautas hixiénicas na busca de emprego e Pautas vivenciais na busca de emprego, que en total suman 188 horas de formación.
Ao acto de entrega dos diplomas asistiron tamén representantes de Acción Familiar Ferrol, entidade coa que o Concello ten un convenio de colaboración que inclúe o desenvolvemento deste programa. O alcalde e a edil de Acción Social felicitaron aos alumnos e alumnas que hoxe recibiron os diplomas, por finalizar con éxito as diferentes accións formativas, e tamén os animaron a continuar formándose de cara a mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. No caso das accións formativas para a obtención do título de Educación Secundaria de Adultos e de Competencias clave, remataron con éxito na primeira convocatoria á que se presentaron dúas persoas e outras dúas finalizaron as asignaturas que lles faltaban.
O programa permitiu tamén realizar unha intervención individualizada a 59 persoas a través de itinerarios laborais personalizados.
No acto celebrado esta mañá no Concello tamén se apostou por recoñecer a labor que desenvolveron un total de dez proxenitores, pola súa implicación nas tarefas de apoio educativo dos seus nenos e nenas durante o tempo no que se materializou o programa e ao tempo que se formaban eles mesmos para a busca dun emprego.