INCLUSON pecha a súa primeira Experiencia Promocional en Narón: ‘a cultura só é completa cando todas as persoas poden participar nela’

O Festival Musical Accesible e Inclusivo do Camiño de Santiago recibe unha valoración moi positiva por parte das institución, empresas, asociacións, artistas, profesionais e público asistente, que destacan a importancia das medidas de accesibilidade implantadas.

NCLUSON 2026 | Foto I’TICS

O Paseo Marítimo de Xuvia converteuse o pasado sábado 7 de novembro nun espazo de encontro, música, diversidade e inclusión coa celebración de INCLUSON, Festival Musical Accesible e Inclusivo do Camiño de Santiago, unha iniciativa impulsada por I’TICS – Institución Turística Inclusiva Cultural e Social, que nace coa vontade de transformar a maneira de vivir e desfrutar da cultura.

Unha vez rematada esta primeira experiencia promocional, a organización fai un balance moi positivo da xornada e, sobre todo, do impacto que xerou entre as persoas asistentes, as institucións, as asociacións, os artistas e os profesionais que participaron no evento.

Desde I’TICS queren expresar o seu agradecemento máis sincero a todas as persoas, entidades, institucións, empresas, profesionais, artistas e voluntariado que apoiaron o proxecto desde o primeiro momento e que remaron na mesma dirección para converter un soño nunha realidade.

«Cando comezamos a traballar neste proxecto tiñamos moi claro que non queriamos facer simplemente un festival de música. Queriamos demostrar que outra maneira de organizar e vivir a cultura é posible. O que vivimos o sábado confirma que estabamos no camiño correcto. Escoitar as experiencias das persoas asistentes, ver a sorpresa dos músicos ao descubrir novas formas de facer chegar a súa música e comprobar como recursos que moitas veces pasan desapercibidos poden cambiar completamente a experiencia dunha persoa é, sen dúbida, o mellor resultado que podiamos obter», sinala Daniel Ríos Núñez, vicepresidente de I’TICS.

A accesibilidade, protagonista da experiencia
Un dos aspectos máis destacados desta primeira edición foi a resposta que tiveron as diferentes ferramentas e medidas de accesibilidade implantadas no recinto. As persoas asistentes coincidiron en poñer en valor a importancia de contar con recursos que permitan que todas as persoas poidan participar e desfrutar dun evento cultural en igualdade de oportunidades.

Entre as iniciativas que máis atención espertaron atopouse a sinalización mediante pictogramas, que tamén incorporaba referencias en lingua de signos, facilitando a orientación e comprensión dos diferentes espazos.

A zona reservada para persoas con mobilidade reducida (PMR), situada nunha localización privilexiada dentro das instalacións do festival, permitiu desfrutar das actuacións con boa visibilidade e sen quedar afastadas do ambiente e da actividade do escenario.

Outro dos momentos máis significativos viviuse arredor da interpretación musical en lingua de signos. Os propios músicos descubriron como as súas cancións podían chegar ás persoas xordas a través do traballo dunha persoa intérprete de lingua de signos (ILSE). Unha experiencia que espertou o seu interese ata o punto de manifestar a súa intención de incorporar este recurso aos seus futuros concertos.

INCLUSON – Mochila Vibratoria | Foto I’TICS

A pantalla instalada no recinto foi tamén unha ferramenta fundamental, permitindo seguir con detalle as actuacións desde diferentes puntos do festival e achegando o que acontecía no escenario a todas as persoas asistentes. Os chalecos vibratorios causaron unha auténtica sensación. Moitas persoas tiveron a oportunidade, por primeira vez, de sentir a música a través das vibracións no seu propio corpo, descubrindo unha maneira diferente de experimentar e conectar coa música.

Pola súa banda, o espazo de calma e regulación sensorial converteuse nun dos recursos máis valorados. Moitas persoas compartiron coa organización a súa sorpresa ao atopar, por primeira vez, nun evento destas características un espazo pensado para poder afastarse temporalmente dos estímulos, descansar e recuperar a tranquilidade cando o necesitasen.

«Hai algo que nos parece especialmente importante: moitas persoas non sabían que podían vivir un concerto doutra maneira porque nunca tiveran á súa disposición estas ferramentas. Cando alguén descobre que pode sentir a música a través dun chaleco vibratorio, que pode seguir unha canción en lingua de signos ou que dispón dun espazo de calma cando o precisa, está descubrindo unha oportunidade que antes non tiña. A accesibilidade non consiste en facer excepcións, consiste en pensar desde o principio que todas as persoas forman parte da experiencia», engade Daniel Ríos.

INCLUSON 2026 – Voluntariado | Foto I’TICS

Un festival necesario que abre camiño a outros eventos
A experiencia de INCLUSON deixa unha conclusión que vai máis alá da celebración dunha xornada musical: a accesibilidade debe formar parte da planificación de calquera evento cultural, deportivo ou social.

As valoracións recibidas poñen de manifesto que existen ferramentas e recursos que permiten eliminar barreiras e ampliar as posibilidades de participación. Non se trata de crear espazos exclusivos, senón de deseñar propostas nas que a diversidade das persoas estea contemplada desde o inicio.

A organización considera especialmente significativo o interese amosado polos profesionais e artistas, que puideron comprobar en primeira persoa como pequenas decisións na organización poden abrir novas oportunidades para chegar a públicos aos que tradicionalmente non se lles facilitaba a participación.

O propósito de I’TICS é que o INCLUSON non sexa unha experiencia illada, senón unha iniciativa capaz de inspirar outros festivais e organizacións culturais para incorporar medidas reais de accesibilidade nas súas programacións. Grazas por facer posible este soño colectivo

I’TICS quere agradecer especialmente ao Concello de Narón a súa acollida e colaboración, así como o apoio institucional da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, a Delegación Territorial da Xunta en Ferrolterra, Eume e Ortegal e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

O agradecemento esténdese igualmente a todas as asociacións, entidades, empresas colaboradoras, profesionais, artistas, voluntariado e persoas que contribuíron co seu tempo, traballo, confianza e ilusión a facer realidade esta primeira experiencia promocional.

A música foi o fío condutor, pero o verdadeiro éxito do INCLUSON foi demostrar que cando se ofrecen os apoios necesarios, todas as persoas poden atopar o seu lugar.

Esta primeira parada no Camiño Inglés, en Narón, supón o comezo dun proxecto que aspira a percorrer os Oito Camiños de Santiago, conectando música, cultura, gastronomía, artesanía, patrimonio, territorio e persoas.

«Porque non queremos que ninguén quede fóra da cultura. Porque a diversidade é unha riqueza e a accesibilidade unha responsabilidade compartida».

Lea también

A Xunta licita 92 vivendas de promoción pública en Narón cun investimento de máis de 17M€

A promoción, distribuída en 2 bloques, construirase con técnicas industrializadas e a maioría dos novos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.