O programa “Lecturas compartidas” que promove o CPI Atios en colaboración co Concello de Valdoviño celebrou esta mañá a súa derradeira sesión no curso. E fíxoo na Casa da Cultura, cos nenos e nenas que cursan 3º curso de Educación Primaria e persoas maiores de todas as parroquias, así como aquelas que acudiron ós talleres de estimulación cognitiva promovidos polo Concello ó longo do ano e moitos pais e nais dos alumnos protagonistas da sesión desta mañá. Os rapaces e rapazas representaron dúas pezas teatrais para o público: “O paxaro ferido” e “O monstro de cores” e, de seguido, sucedéronse as conversas interxeneracionais ó redor do tema seleccionado: as diversións de antes e lendas.
Conversas nas que se fixo repaso especialmente das romarías e festas populares do Concello e que suscitaron o interese dos nenos e nenas presentes. Tamén das diferentes lendas que, xeración a xeración, se foron conservando no municipio.
A concelleira de Cultura, Jessica Sabín, agradecía a asistencia dos presentes e confiaba en repetir experiencias tan enriquecedoras como esta o vindeiro curso. Durante os últimos meses, o programa, impulsado pola Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do CPI Atios en colaboración co Concello, celebrouse nas diferentes parroquias co ánimo de achegar a escola ó conxunto da veciñanza e, ó mesmo tempo, reivindicar a tradición oral como ferramenta de aprendizaxe entre xeracións.