A Deputación colabora con Pontedeume na compra dun novo edificio na rúa Real para ampliar a Casa Consistoria

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández asinaron hoxe, ao remate do pleno provincial, o convenio aprobado na propia sesión.

Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e Bernardo Fernández Piñeiro, asinando o convenio | Fot. Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, asinaron este venres, ao remate da sesión plenaria, o convenio de colaboración para financiar a adquisición dun inmoble lindeiro coa Casa do Concello que permitirá ampliar as dependencias municipais.

O convenio, aprobado polo pleno da Deputación, establece unha achega provincial máxima de 360.000 euros, o 64,08792 % do custo da adquisición, que ascende a 561.728,34 euros. O Concello de Pontedeume financiará a contía restante con fondos propios ou procedentes doutras fontes.

O edificio está situado no número 11 da rúa Real, ao lado da actual Casa do Concello, e conta cunha superficie total de 695 metros cadrados distribuídos entre a planta baixa e dúas plantas superiores. A súa adquisición ofrece unha oportunidade singular para ampliar a sede municipal, condicionada pola súa localización no casco histórico de Pontedeume e pola falta de espazo dispoñible no seu entorno inmediato.

A actual Casa Consistorial presenta limitacións de espazo e accesibilidade que impiden reunir nunha mesma sede todos os departamentos municipais. A incorporación do edificio lindeiro permitirá concentrar as distintas áreas, organizar mellor os espazos de traballo e facilitar o acceso da cidadanía ás dependencias municipais.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández cualificou a sinatura como “un paso decisivo para modernizar a administración municipal e ofrecer á veciñanza unhas instalacións máis amplas e funcionais”. “A ubicación da Casa do Concello no casco histórico facía moi difícil atopar unha solución para ampliala. A adquisición deste inmoble lindeiro permítenos afrontar unha necesidade que Pontedeume arrastra desde hai anos”, afirmou.

O alcalde agradeceu o apoio da Deputación, “fundamental para que un concello das dimensións de Pontedeume poida asumir un investimento tan importante”, e explicou que o obxectivo é “agrupar os servizos municipais e mellorar calidade da atención á cidadanía”.

O inmoble, actualmente destinado a uso residencial e comercial, leva anos sen utilizarse e necesitará de obras de rehabilitación para adaptalo ao seu futuro uso administrativo.

Lea también

Siguen abiertas las ayudas de la Xunta para compra de vivienda por menores de 36 años en municipios de menos de 10.000 habitantes

La actual convocatoria permanece abierta hasta el 16 de noviembre y conta con un crédito …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *