Os nenos e nenas da zona rural aínda poden inscribirse en “Programación e robótica educativa”

As persoas interesadas en anotarse na acción formativa “Programación e robótica educativa”, do programa municipal educativo “Indi-Informática Divertida”, convocado desde a Concellería de Novas Tecnoloxías, dispoñen aínda de vacantes na zona rural. As sesións diríxense a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos e o período de inscrición rematará o vindeiro 23 de xuño. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tal e como recordou a edil responsable da área, Natalia Hermida.

Esta acción formativa consta dun total de 70 horas, nas que os asistentes abordarán temas como a “Iniciación á programación de videoxogos”; “Creación de blogs para nen@s”; “Creación de cómics dixitais” e “Hour of code.

As entidades veciñais de Sedes, Pedroso, Castro, Doso, O Val, San Mateo e San Xiao son as encargadas de tramitar as inscricións para a realización desta acción formativa na zona rural. As sesións impartiranse nos locais sociais das entidades e será preciso a formación dun grupo cun mínimo de persoas para que se realicen.

Para anotarse é preciso cubrir unha instancia xenérica e un anexo (II) asinado, podendo descargar ambos documentos da páxina web do Concello: http://www.naron.es/web/cat/gal/concello/programacion-e-robotica-educativa-INDI.

Esta mesma acción formativa convócase tamén na zona urbana, debendo cumplimentar as persoas interesadas os mesmos documentos e entregándoos no Rexistro do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00 horas, en lugar de tramitalo desde as entidades veciñais, como é o caso da zona rural. No núcleo urbán as sesións desenvolveranse na Aula Cemit de Xuvia.

Para recibir máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1517).

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …