O Auditorio municipal de Narón, na praza de Galicia, acolleu na mañá, deste mércores a partir das 12.00 horas, os actos correspondentes ao Patrón da Policía Local de Galicia, a festividade de María Auxiliadora.
O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria acompañado pola primeira tenente de alcalde de Narón, Marián Ferreiro; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo e o Intendente Xefe da Policía Local, Eduardo Pita. Acudiron tamén ao acto o Comisario xefe da Policía Nacional de Ferrol-Narón, Fernando Pico; o Capitán xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ferrol, José Antonio Niño; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao, José Manuel Vilariño; axentes da Policía Local de Narón e doutros Corpos de Seguridade do Estado e persoal do Speis e do Concello de Narón, entre outros.
Un axente da Policía Local encargouse de presentar o acto e deu paso á primeira das intervencións, a cargo de Eduardo Pita. O Intendente Xefe da Policía Local de Narón destacou a traxectoria do Corpo na cidade, iniciada hai máis de 66 anos. Pita recordou os cambios que experimentou o concello nos últimos anos e asegurou que “adaptarse ás esixencias dos tempos sempre foi un dos retos desta Policía Local, que en todo momento demostrou capacidade para asimilar os cambios e prestar aos veciños e veciñas o servizo que demandaron”. A plantilla deste Corpo está integrada na cidade por 37 axentes, dos que Pita destacou as súas funcións diarias e agradeceu o seu traballo, así como “a estreita cooperación e coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a do Servizo de Prevención e Extinción de Incencios e Salvamento do Concello de Narón”. Unha vez rematada a súa intervención deu comezo o acto de entrega de distincións.
Medalla da Policía Local ao secretario Xeral do Concello
O alcalde, José Manuel Blanco, entregoulle a Medalla da Policía Local de Narón –á primeira que se concede- e un pergamiño ao Secretario Xeral do Concello de Narón, Alfonso de Prado Fernández-Canteli, pola súa “traxectoria altruísta e exemplar, por riba das súas obrigas, cos Corpos de Seguridade de Narón, contribuíndo a incrementar o prestixio do que goza a Policía Local da Cidade”. Ese compromiso tradúcese, apuntou o alcalde “na constante colaboración e axuda prestada polo Secretario Xeral do Concello nas diferentes tarefas que ten encomendadas a Policía Local”.
Medallas á constancia
A continuación, recibiron tamén un pergamiño e as Medallas á constancia, coas que se recoñecían os 35 anos de servizo prestados por tres dos axentes do municipio: Luis Bodelón, Víctor Manuel Castro e José Manuel Bellón, de mans de Marián Ferreiro, Guillermo Sánchez Fojo e Eduardo Pita, respectivamente.
Pechou o acto o alcalde, que felicitou ás catro persoas homenaxeadas no acto e fixo estensivo o recoñecemento ao plantel da Policía local de Narón. Blanco destacou a profesionalidade do equipo e aludiu á importancia de aunar esforzos entre as administracións e ao traballo conxunto entre os diferentes Corpos de Seguridade do Estado. Mencionou tamén o rexedor local á escasez de axentes que, indicou, obriga ao persoal a “realizar un esforzo para poder cumprir coas súas encomendas diarias”. Así mesmo, Blanco subliñou que “para min é un orgullo, como alcalde de Narón, poder traballar día a día cun equipo como o da Policía Local de Narón”, ao que animou a continuar desenvolvendo a súa labor na mesma liña para que a cidade “siga sendo en Galicia un referente en materia de seguridade”.
Finalizada a intervención do rexedor local os asistentes degustaron un ágape no Auditorio municipal.