A concelleira de Acción Social, Catalina García, presentou esta mañá o “IV Desfile solidario” acompañada polo presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios Narón, José Manuel González e por Estefanía Elgueta, en representación da asociación Dignidad. A cita será este venres, día 5, a partir das 20.00 horas no Pazo da Cultura e na mesma recadaranse fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. As entradas para asistir poden recollerse na billeteira do Pazo e terán que entregarse antes do inicio da gala, o propio día 5, cunha doazón, que pode ser de roupa –para persoas de distintas idades ou para as camas- ou de alimentos, -preferentemente leite enteira, galletas, cacao, café, azucre ou conservas (de carne ou pescado)-. A edil naronesa animou á veciñanza de Narón e do resto de concellos da bisbarra a participar neste evento, subliñando que “cun graíño que aportemos cada un podemos facer unha montaña coa que axudar ás familias que o están pasando mal”.
García explicou que este ano o desfile está adicado ao mundo do deporte e agradeceu a colaboración no mesmo do Padroado de Deportes de Narón. Desfilarán nos diferentes pases representantes dos clubes Baloncesto Narón, Piragüismo Narón, Acordes de Ximnasia Rítmica, Natación Sincronizada Narón e Voleibol Narón. Así mesmo, como convidado acudirá o ex xogador do Deportivo da Coruña Donato, que tamén desfilará e dedicará unhas palabras aos rapaces e rapazas que practican algunha actividade deportiva. Tamén participará nos pases clientela de diferentes establecementos comerciais da localidade e voluntariado dalgunhas asociacións.
O desfile dividirase en varios pases, tal e como explicou a representante de Dignidad. Haberá un de roupa deportiva, no que participarán menores a partir de 4 anos e adultos; outro con roupa “casual”, con voluntarios e usuarios das tendas solidarias como modelos; un pase con roupa de festa; outro nupcial e o último será un pase especial, cunha modelo que irá caracterizada como unha abella mestra, cunha maquillaxe especial realizada por alumnado da escola de Perruquería e Maquillaxe do IES Carballo Calero de Ferrol, tal e como avanzou Estefanía Elgueta.
García destacou tamén a colaboración do Padroado da Cultura de Narón, que colabora un ano máis neste desfile solidario. Entre os pases actuarán Bea Rivas, da Escola da Vaca; Carlos Mosquera “Mos”; o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos; parellas da Escola de Baile deportivo Tedaga; a Banda de Música Infantil de Narón e o grupo Quenindiole.
O presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios Narón agradeceu a Dignidad e ao Concello a organización deste evento, así como a colaboración dos diferentes establecementos, e animou á xente a acudir ao mesmo. “Cada vez atendemos a máis familias porque nos casos nos que atopan traballo soen ser precarios e non lles chega para vivir”, asegurou. Na actualidade o centro, explicou, atende a unhas 1.400 familias de Narón e doutros concellos da comarca.
García destacou a colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón, pola implicación das tendas colaboradoras –Mónica Cereijo, A Tenda de Sara, Temadi, Amalia Hermida, Alain Afflelou, Óptica Valero, Calzados Mara– Decathlon e Dignidad. Valorou tamén a edil a implicación do Mesón O Muíño, a Cervexería e a Parrillada El Mercado e o Mesón Nueva Orleáns e das axencias Viaxes Narón e Halcón Viaxes, que facilitaron os bonos para ceas e estancias que se sortearán no transcurso da gala, na que tamén se abrirá unha poxa por tres láminas doadas.
Finalmente García deu as grazas ao Comité de Empresa de Navantia, que realizará unha recollida de alimentos para o Centro de Recursos Solidarios nas súas instalacións –que rematará o día 12 deste mes– e ás tendas que estes días colaboran na localidade recollendo doazóns para as citadas instalacións: Axóuxere, Temadi, Calzados Mara, Óptica Valero e academia September.
O Centro de Recursos Solidarios Narón ubícase no polígono de Río do Pozo, na avenida Gonzalo Navarro (parcela 23). Abre as súas portas os luns, martes, xoves e venres de 9.30 a 13.00 horas e os mércores de 16.30 a 20.00 e as persoas interesadas en contactar cos seus responsables poden facelo ademais a través do correo electrónico: crsnaron@gmail.com.
A ver si adivinan ustedes a qué partido político está vinculada la familia del presidente del Centro. Hagan sus apuestas.
Vaya por Dios… algunos creen que la solidaridad es esto… pues vaya.