O alcalde de Narón recolleu onte en Madrid o “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible”

Entrega do premio – Concello de Narón

A Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas entregou onte no Hotel Ritz de Madrid os premios convocados –na que foi a súa primeira edición– pola entidade. O xurado da convocatoria concedeu o “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” ao Concello de Narón, pola campaña “Aprende pedaleando”, impulsada polo equipo de Educación Viaria de Narón. O alcalde, José Manuel Blanco, foi o encargado de recoller o galardón durante o transcurso da gala, que se prolongou durante algo máis dunha hora. Acompañaron nesta ocasión ao rexedor local no acto o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e Pedro Caneiro e Simón Cabarcos, en representación do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón. Tamén estiveron presentes, entre as autoridades, o presidente da Fundación CNAE, José Miguel Báez; Teófilo de Luis, presidente da Comisión de Seguridade Viaria no Congreso; o Fiscal de Sala do Tribunal Supremo Coordinador de Seguridade Viaria, Bartolomé Vargas; o presidente da Fundación Española da Seguridade Viaria (Fesvial), Luis Montoro, e a subdirectora xeral de Políticas Viarias da Dirección Xeral de Tráfico, Mónica Colás. Á convocatoria asistiron unhas duascentas persoas.

O alcalde naronés, que recibiu o premio de mans do presidente de Fesvial, Luis Montoro, recoñeceu na súa intervención que é “unha honra para todos os naroneses e naronesas recibir este recoñecemento por parte da Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas”. Blanco destacou o recoñecemento do xurado á campaña “Aprende pedaleando” impulsada nos centros escolares da localidade co fin de fomentar o uso da bicicleta como ferramenta de ensino fóra das aulas. “Esta iniciativa é unha aposta máis da administración local naronesa por fomentar a seguridade e a educación viaria entre os 40.000 habitantes da cidade, prestando especial atención aos nenos e nenas”, apuntou o alcalde naronés, que valorou a implicación “ao cen por cento” tanto do equipo de Educación Viaria do Concello como da veciñanza da cidade.

Así mesmo, Blanco recordou que máis de catro mil rapaces e rapazas de diferentes idades participan en Narón nos múltiples programas impulsados en materia de seguridade viaria, entre os últimos, citou as propostas “Bica e arrinca”, “Camiños seguros” e o de “Aparcamentos de proximidade”. “Grazas ao esforzo de milleiros de persoas e a estas iniciativas promovidas desde a administración local hoxe –por onte– podemos recoller este novo froito dun traballo que consideramos básico e imprescindible”, subliñou. Aludiu tamén o rexedor local naronés na súa intervención á necesaria colaboración entre administracións para impulsar este tipo de inciativas, co fin de que “a seguridade tanto dos peóns como dos condutores sexa prioritaria á hora de proxectar actividades e novas infraestruturas e servizos nos concellos”.

Rematou a súa intervención Blanco agradecendo o traballo realizado polo actual edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e os seus antecesores no cargo, así como polos integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón: Pedro Caneiro, Simón Cabarcos, Sonia López e Anabel Bello. Tamén agradeceu a implicación dos centros educativos e familias da localidade que, recalcou, “en definitiva, son os que fan posible o éxito deste tipo de programas e sen cuxa colaboración sería imposible recibir recoñecementos como este”. “Este “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” concedido ao Concello de Narón é tamén un premio a todos eses centros educativos e familias que se implican nestes programas”, asegurou Blanco para, por último, agradecer e valorar o “excelente traballo” realizado pola Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas.

O Concello recibiu 3.000 euros e unha escultura do artista plástico Manuel Gandullo, titulada “Caminos del saber”. Trátase dunha peza realizada en fundición de bronce patinado sobre unha pedra de granito de cor negro. A figura representa unha “L”, como mostra da aprendizaxe dos coñecementos teóricos, e consta tamén dun volante como símbolo desa aprendizaxe no maxexo dos automóbiles, tal e como se indicou desde a Fundación CNAE. A peza está coronada por tres vías cun nudo de enlace, representando a complexidade do tráfico e a zona pola que se debe circular, e en conxunto representa “a labor que desenvolven os profesionais das autoescolas cos futuros condutores”, explicaron desde a CNAE.

Ademais do Concello de Narón resultaron tamén premiados nesta primeira edición a empresa Industrias del Neumático SA, co “Premio á Innovación en Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible”, por inventar un gardarraíl fabricado con pneumáticos reciclados, e Radio Televisión Española, co “Premio á mellor labor divulgativa”, polo seu programa “Seguridad Vital”. Así mesmo, entregouse a Medalla de Ouro da Fundación CNAE a Cruz Roja Española.

Lea también

La naronesa Ruth Ortega se proclama campeona del TER European Trophy Damas 2026

El automovilismo gallego  está de enhorabuena tras el histórico triunfo cosechado por Ruth Ortega. La …

Un comentario

  1. Será por los pocos coches que hay aparcados en las aceras, pasos de peatones, paradas de bus y en cuanta esquina hay, con total impunidad e impidiendo el paso de personas con problemas de movilidad. Por eso será, digo yo.