O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recollerá mañá en Madrid o “Premio ao Compromiso coa Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible” outorgado ao Concello pola Fundación da Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE). O xurado valorou a campaña de educación viaria “Aprende pedaleando”, impulsada polo Equipo de Educación Viaria do Consistorio. O acto de entrega dos premios terá lugar mañá, a partir das 20.00 horas, no Hotel Ritz de Madrid. Acompañarán ao alcalde no acto, en representación do Concello, o edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e dous representantes do Equipo de Educación Viaria do municipio: Pedro Caneiro e Simón Cabarcos. O premio concedido é de 3.000 euros e unha escultura do artista plástico Manuel Gandullo (natural de Sevilla pero que reside desde hai anos en Sada), titulada “Caminos del saber”.
O fallo do xurado tivo lugar a finais do pasado ano, así como a comunicación da resolución ao Concello. No caso de Narón valorouse o feito de que o programa “Aprende pedaleando” se orientase a alumnado de educación Primaria e que estea en marcha desde hai varios anos, concretamente dende o 2008. Fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte entre os nenos e nenas e unha mobilidade prudente e responsable fóra das aulas son parte dos obxectivos desta proposta, con gran éxito de acollida entre a veciñanza.
Nesta primeira convocatoria dos premios da Fundación CNAE resultaron tamén galardoados a Industria del Neumático SA, pola “Innovación en Seguridade Viaria e Mobilidade Sostible”, ao inventar un gardarraís de caucho elaborado con pneumáticos reciclados, e RTVE pola “Mellor labor divulgativa”, polo seu programa “Seguridad Vital”.