O Padroado da Cultura de Narón programou un total de catro espectáculos dirixidos ao público infantil para o segundo trimestre deste ano. Así o anunciou a concelleira da área e vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, que avanzou que o musical “La reina de las nieves” (alugueiro do Pazo por parte da compañía) inaugurará a programación dirixida ao citado público o vindeiro 9 de abril. O espectáculo, a cargo de Nooma Producciones, dará comezo ás 18.00 horas e as entradas teñen un prezo de 12 euros se se mercan de xeito anticipado e de 14 o propio día do espectáculo. As catro representacións terán lugar no Pazo da Cultura a partir das 18.00 horas e se ben a entradas para “La reina de las nieves” xa se poden adquirir na billeteira do Pazo, as dos tres espectáculos infantís restantes programados para este trimestre poranse á venda a partir do vindeiro mércores, 22 de marzo. “Desde o Padroado da Cultura de Narón apostamos por incluír na programación do Pazo como mínimo un espectáculo infantil ao mes, aínda que sempre que sexa posible, como sucede neste próximo trimestre, trataremos de incrementar esa cifra, debido á excelente acollida que teñen entre a veciñanza”, subliñou Ferreiro.
A programación dirixida ao citado colectivo continuará o 23 de abril, coa obra: “A nena e o grilo”, de Urdime Propostas Culturais e a cargo de Magín Blanco e María Faltrí, entre outros actores e músicos. Os protagonistas da historia serán unha nena e un grilo, que para pasar o tempo xuntos e afastarse do aburrimento inventan numerosas historias que farán gozar aos espectadores dun xeito participativo. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral; de 6,65 para abonados e persoas que poidan acollerse á tarifa reducida (desempregados e con carné xove ou de estudante ata 25 anos) e de 5,50 para menores de 14 anos.
O vindeiro mes de maio haberá dous novos espectáculos infantís. O primeiro deles terá lugar o día 7. Será de novo con Magín Blanco, e neste caso acompañado por Uxía, que versionarán poemas de Manuel María para os nenos e nenas, abordando diferentes temas de actualidade e combinando a música tradicional galega con outros estilos. “Canta o cuco” –tamén de Urdime Propostas Culturais– é o nome deste espectáculo, onde os asistentes poderán gozar dunha creación propia de Maxín Blanco e Uxía, “Todo me fala de ti”. O prezo das entradas é de 9,50 euros para o público en xeral; de 6,65 para abonados e persoas con tarifa reducida e de 5,50 para menores de 14 anos. O último dos espectáculos infantís do segundo trimestre do ano será “Zampón o lambón” (Urdime Propostas Culturais), o día 21 de maio e que combina os xéneros musical e teatral. Xigantes, cabezudos, títeres e actores darán vida a esta obra, na que un investigador, Brais, e un músico, Chispín, vivirán numerosas aventuras cunha festa de por medio, a de Ledicia. Pero terán que enfrontarse a un xigante, Zampón para tratar de que a historia teña un final feliz. As entradas custarán 9,50 euros ao público en xeral; 6,65 para as tarifas reducidas e 5,50 para menores de catorce anos.
A concelleira de Cultura de Narón destacou a excelente acollida que os espectáculos infantís teñen entre a veciñanza. Como exemplo, aludiu Ferreiro ao concerto de Pablo Díaz e a súa banda: “Tic, Tac, Toc”, tamén dirixido ás nenas e nenos e que terá lugar o vindeiro 26 de marzo no Auditorio municipal a partir das 18.00 horas. “As duascentas cincuenta entradas para ver este espectáculo, impulsado desde a área de Normalización Lingüística do Concello e a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta e no que colabora a Concellería de Cultura, entregáronse de balde na billeteira do Pazo desde onte venres pola mañá e a media tarde –onte– en cuestión de moi poucas horas, estaban esgotadas”.