Un retoño da árbore de Gernika, símbolo da liberdade, medra desde a tarde deste venres nas inmediacións do Pazo da Cultura, un dos edificios máis emblemáticos do municipio naronés. A plantación responde a unha iniciativa plantexada pola Asociación Memoria Histórica Democrática e respaldada polo goberno local de Narón que contou coa colaboración das Juntas Generales de Bizkaia, que enviaron a Narón o retoño da árbore de Gernika.
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, presidiu o acto, que contou coa participación, entre outros representantes do goberno local, da presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui, do presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Agustín Fernández, e do historiador Enrique Barrera, representante desta última entidade, así como doutros alcaldes da comarca. Ás 17.30 horas deu comezo o acto, coas pertinentes intervencións oficiais, para homenaxear ás vítimas do bombardeo de Gernika, que tivo lugar o 26 de abril do ano 1937 e do que se cumprirán en pouco máis dun mes oitenta anos.
En primeiro lugar tomou a palabra Enrique Barrera, que recalcou que “Gernika entrou ao seu pesar na Historia, porque ningunha cidade quere ser coñecida por ser devastada por un bombardeo”. Aludiu Barrera á relación de Gernika coa obra de Pablo Picasso e o feito de que Gernika, é “unha cidade santa para os vascos, ao celebrarse na Idade Media as asembleas dos representantes euskaldúns baixo a sombra da árbore de Gernika”. Antes de rematar a súa intervención destacou que a plantación dun retoño desta árbore en Narón “reflictirá o respecto e cariño dos galegos cara aos vascos e experimentará unha metamorfose, convertíndose nun símbolo do cariño e respecto á Paz”. E pedindo precisamente a Paz e dando a benvida á árbore a Narón, en euskera, rematou Barrera a súa intervención neste acto.
Pola súa parte, a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui, amosou a súa satisfacción polo feito de poder participar na plantación dun novo retoño da árbore de Gernika –dos que hai exemplares nos cinco continentes-, agradecendo a colaboración do Concello de Narón e da Asociación Memoria Histórica Democrática polo recoñecemento que supón este acto “a tódalas persoas que faleceron hai oitenta anos no bombardeo de Gernika”. “O noso símbolo é aceptado e querido por tódalas ideoloxías e todos os partidos políticos vascos, desde o PP ou o PSE ata a esquerda abertzale, Podemos ou o PNV, que realizan os seus actos máis importantes e simbólicos en torno á árbore de Gernika, xunto á que se construíu hai dous séculos a Casa de Juntas de Gernika”, asegurou.
“Hoxe agradecémosvos aos naroneses e naronesas esta homenaxe ás vítimas do fascismo coa plantación deste retoño que simboliza o noso anhelo de Paz e liberdades”, recalcou Otadui. “Oitenta anos despois, en Gernika, e desde hoxe en Narón, medran retoños da milenaria estirpe do vello roble que emocionou a Castelao; hoxe vascos e galegos actualizamos a súa mensaxe e homenaxeamos a tódalas inocentes vítimas das guerras, recordando e recoñecendo ás vítimas da senrazón das violencias que desangraron e seguen desangrando o noso mundo en 1937 e tamén no 2017”.
Pechou o turno de intervencións o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, que incidiu en que o evento “homenaxea ás vítimas duns acontecementos tristes para o recordo pero que inevitablemente marcaron para sempre a historia do pobo vasco e que, debido á súa relevancia e nefastas consecuencias non debemos deixar caer no esquecemento”. Así mesmo, o rexedor local indicou que “desde hoxe Narón quedará vencellada á localidade de Gernika, a cuxos habitantes amosamos desde aquí o noso máis humilde afecto”. Blanco asegurou que a árbore “formará parte da paisaxe de Narón nun lugar privilexiado e desde o que lembraremos aqueles lamentables feitos; desde hoxe teremos en Narón un dos símbolos máis universais da sociedade vasca, que representa a liberdade, un dereito fundamental polo que todos e todas debemos traballar día a día para mantelo máis vivo que nunca”.
A continuación, procedeuse a plantar o retoño da árbore de Gernika fronte ao Pazo da Cultura, un acto que contou coa participación de integrantes da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. Plantada a árbore procedeuse a descubrir unha placa na que se pode ler, en galego e euskera, o texto: “Fillo da árbore de Gernika, símbolo das liberdades vascas e do devezo de Paz do pobo vasco, escenario, en 1937, do primeiro bombardeo masivo contra a poboación civil a nivel mundial e inspiración da obra “Gernika” de Pablo Picasso”. Posteriormente tivo lugar unha actuación de baile tradicional a cargo de Alxibeira, agrupación tamén do Padroado da Cultura de Narón.
Finalmente, a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia entregoulle ao alcalde naronés o certificado de autenticidade do retoño da árbore de Gernika. Pola súa banda, o Concello entregoulles uns agasallos institucionais aos representantes do organismo vasco e a Ana Otadui -que asinou no Libro de Ouro da cidade- unha escultura en aceiro realizada polo artista luso Manuel Patinha –nomeado en 2016 Fillo Adoptivo de Narón-, unha réplica da escultura “Anduriña».