O BNG de Narón insta aos grupos políticos a se sumar á comisión organizadora dos actos conmemorativos da Revolta das Pedradas

Ofrenda floral en Sedes – BNG Narón

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón vén de presentar no Rexistro do Concello unha moción na que insta ao pleno da corporación e ao goberno local a se sumar á comisión organizadora dos actos conmemorativos da Revolta das Pedradas de 1918 constituída onte na parroquia de Sedes.

O 13 de maio de 2018 cumpriranse cen anos da chamada Revolta de Sedes ou Revolta das Pedradas, un movemento de protesta social que comezou uns días antes en Xuvia e que desde alí se estendeu a varios concellos da comarca de Ferrolterra e outras zonas limítrofes. Os motivos do inicio das protestas son diversos, mais os abusos que naquela altura se cometían sobre os labregos da zona, unidos á escaseza de trigo e á desproporcionada carestía de vida, provocaron que a lapa prendese rapidamente. O decreto de estado de guerra, o envío de tropas e a súa distribución polas prazas, o boicot á entrada de mercadorías a Ferrol, o corte do tráfico ferroviario, as folgas dos estaleiros e as manifestacións dos obreiros, son episodios que se foron desenvolvendo desde o 8 ao 16 de marzo daquel 1918.

O momento máis tráxico desta protesta tivo lugar na Feira do Trece, na parroquia de Sedes, no decurso da feira que se celebrou precisamente o día 13 de marzo e que se salda coa morte de 7 veciños e veciñas –máis outros dous en Ferrol– e cunha multitude de feridos a man da Garda Civil.

O BNG de Narón considera que estes acontecementos, que deixaron unha fonda pegada nas xentes da zona, non son hoxe todo o coñecidos e recoñecidos que deberan. En ningunha outra zona do país se manifestaron con tanta crueza os conflitos sociais dunha época convulsa nun contexto de Guerra Mundial. Por iso, creen os nacionalistas que a recuperación deste capítulo da historia e a homenaxe ás vítimas que perderon a vida naqueles sucesos teñen que concitar non só o apoio social, senón tamén a implicación institucional necesaria para que a memoria histórica do pobo naronés non caia no esquecemento e as xeracións presentes e futuras deste concello coñezan os episodios máis importantes da terra que habitan.

Con ese obxectivo, o BNG vén de promover a constitución dunha comisión organizadora para a conmemoración destes acontecementos en marzo de 2018. Na primeira xuntanza, celebrada onte en Sedes, representantes de perto dunha decena de entidades da comarca, así como persoas que acudiron a título individual, expresaron o seu apoio a esta iniciativa, co compromiso de traballar ao longo dos próximos meses na concreción dun programa de actos contra aquelas datas. O BNG cre que a implicación de todas as forzas políticas é fundamental para que a efeméride teña a máxima difusión e repercusión posíbeis, e por iso convídaas a todas elas a participar no grupo de traballo creado para tal fin.

Lea también

Valdoviño tramita la homologación del local social de Sequeiro como centro de formación

El alcalde, Alberto González, avanza que la antigua unitaria de a Carreira acollerá la primeira …