Empezan en San Sadurniño os obradoiros de memoria activa para persoas maiores

Sesión en Santa Mariña do Monte – Concello de San Sadurniño

Ao longo desta semana están botando a andar os obradoiros de memoria activa que se van desenvolver ata o mes de xuño en San Sadurniño, Naraío, Lamas, Santa Mariña, Ferreira e Igrexafeita. Unha proposta da área de Igualdade e Servizos sociais á que este ano se sumaron 57 persoas, na súa maioría mulleres e tamén na súa maioría con idades superiores aos 70 anos. E é que esta actividade está pensada precisamente para a xente que xa leva algún tempo na madureza e que quere manter o cerebro en plena forma.

Os obradoiros de memoria activa organizados polo Concello son algo moi parecido a unhas clases particulares, só que nun ambiente moi relaxado no que se fomentan a parola e a realización de exercicios moi sinxelos. Crucigramas, contas, debuxos, problemas matemáticos doados… pero tamén exercicios de coordinación psicomotriz que non supoñen demasiado esforzo e que son ben útiles para exercitar a cabeza.

A actividade parte da idea de que o cerebro é un órgano que se pode facer traballar para retrasar a aparición de problemas de memoria. Non lembrar nomes, non saber onde se gardaron as chaves ou que se nos pase algún recado que tiñamos pensado facer son só algúns esquecementos habituais a partir de certa idade que o exercicio mental pode manter á raia.

Ademais, algunhas das cousas que se fan nos obradoiros tamén poden ser indicadoras da aparición dalgunha demencia ou outro tipo de problema relacionado coa cognición e a autonomía, de maneira que se poidan tratar de inmediato para minorar os seus efectos futuros.

O programa de memoria activa é un dos máis exitosos de todos cantos se organizan ao longo do ano para as persoas maiores. E vai a máis. Se en 2016 foron arredor de medio cento as persoas inscritas, na presente edición o número de participantes anda cerca das 60.

A finalidade principal é poñer a traballar a cabeza. E iso nos últimos anos tamén se consegue colaborando en actividades doutros programas municipais –os da Aula CeMIT, por exemplo– ou co centro de ensino, de xeito que os obradoiros de memoria activa tamén teñen unha parte de fomento das relacións interxeracionais. Durante este mes o alumnado de ESO do CPI está preparando unha exposición e máis un audiovisual centrado nas mulleres que fixeron historia. A rapazada contará con axuda das persoas de memoria activa na preparación do vídeo que se proxectará o 25 de marzo dentro do acto central do Día Internacional da Muller.

As sesións de memoria activa desenvólvense cada quince días nas parroquias de Ferreira, San Sadurniño, Naraío, Lamas e Santa Mariña. Este ano recunca Igrexafeita, aínda que os obradoiros se van ofrecer no local social de Vilarxá, en Naraío, por razóns de proximidade para as persoas participantes. No mes de xuño todas e todos reuniranse nunha xornada final de convivencia coas asistentes á actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores que tamén teñen lugar nos locais sociais das distintas parroquias.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …